Non hai crise económica, hai crise agraria

Hai que ter coidado cando se fala de crise nestes intres. A chamada crise económica que comeza para algúns —máis interesados que entendidos na materia— debe entenderse para outros —máis entendidos e menos interesados— non como unha verdadeira crise, senón coma desaceleración. Vale, xa o entendo, estamos a seguir crecendo, pero menos. Mais sendo a crise pequeniña, cada un de nós tentamos ben o peto antes de saír da casa, non sexa que a desaceleración remate nunha costa abaixo e sen freo. E os candidatos a futuros responsábeis da economía, tralas eleccións do 9 de marzo, tamén nos achegan propostas correctoras, para que a crise non medre, e deste xeito parece que vivimos na sociedade perfecta, na que o máis axiña que xorde o problema xa lle estamos buscando a solución.

Non son amiga do uso —case sempre abuso— do catastrofismo, nin sequera como arma electoral, pero ás veces non queda outra que amarrar á vaca polos cornos e chamar ás cousas polo seu nome. E non falo da desaceleración económica, que esa a entendín ben. Falo da crise agraria, da que ninguén fala nin propón solucións enriba da mesa, a pesares de que medra cada ano coma cancro crónico das aldeas galegas, nas que soamente quedan os vellos. A mocidade hai moitos anos que non quere mirarse no espello dos labregos e gandeiros, porque nese espello as cores vense todas grises ou mesmo negras, e prefiren a vida da urbe que mola máis.

A vida na aldea non mola, senón máis ben amola: moito traballo e soldo incerto segundo lle dea ao tempo, á colleita, ou ó mercado global. E por si fora pouco o coidado das terras e bestas, sen festas nin vacacións, agora son moitos os gandeiros que perden cartos. A crise dos biocombustibles lle chaman, como se fora un problema dos coches. Pero é un problema de todos. Os políticos globais vendéronnos a panacea da produción de bioetanol, a partires dos cereais e azucres, e do biodiésel dos aceites vexetais e graxas animais.

¡Imos rematar co problema do quentamento global!, dicían. E nós, peixes famentos, veña a morder no anzol. ¡Europa na primeira fila para apuntarse á cousa tan moderna e ecolóxica!. E agora vemos que os americanos teñen garantida a venda de cereais —eles nunca perden— e nós cos prezos disparados do leite, os ovos, o pan; e os gandeiros pagando a prezo de ouro os pensos de cereais, porque teñen prohibido dar pensos con fariñas animais —vacas tolas nunca máis, grazas—. Na cetaria europea xa pagamos máis o litro de leite que o litro de gasoil e iso que aínda consumimos menos do 2% de biocombustibles ¡e temos que chegar ao 5,75% no 2010! Daquelas pagaremos o leite a prezo de diamante. O máis triste é que xa van publicados varios artigos científicos demostrando que a produción de biocombustibles resulta máis antiecolóxica que a queima do petróleo. No Brasil, o primeiro produtor mundial de bioetanol, andan arrincando bosques para plantar máis caña de azucre o cal vai ter consecuencias funestas no efecto invernadoiro. ¿Alguén lle ve sentido a todo isto? Estamos amolados. ¿Ata cando podemos seguir mirando a outro lado?

Comentarios