'Non finito'

PARECE SER QUE É MOITA a xente que está en desacordo co desmedido gasto de diñeiro do que din público nas obras da que non sei se se lle segue chamando Cidade da Cultura, no monte Gaiás de Compostela. Iso é, polo visto, o que reflicten as enquisas que sobre o tema se viñeron realizando ultimamente e tamén o que opinan unha maioría das persoas ás que aínda non se lles preguntou ao respecto pero que tampouco non teñen nada claro que é o que alí se está a facer nin para que vai servir, dúbida esta na que tamén esvaran bastantes dos que se mostran a favor das obras e que, se cadra por iso, acaban por utilizar como principal argumento da súa defensa o suposto gran número de visitantes que até aquí chegarán atraídos polo complexo arquitectónico deseñado por Peter Eisenman dispostos a deixar no chasis a tarxeta de crédito para mellora e prosperidade dos picheleiros e, por extensión, tamén de todos cantos vivimos  na súa rodeada, por moi ampla que esta nos pareza.

Despois, se alguén lle pregunta de boa fe —ou, se cadra, de non tan boa— se está en verdade convencido de que Santiago de Compostela, unha das cidades máis fermosas da terra, precisa de tan custosas e, ao parecer, pouco prácticas construcións para se converter en importante punto de atracción para viaxeiros de calquera parte do mundo, o máis seguro é que acabe por se agarrar a aquilo de: «Home, agora xa será mellor rematalo, non quererás deixalo quedar como está...», seguro do concluínte de tan lóxica conxectura e dando así por finalizada a discusión. A quen lle ía gustar unha obra a medio facer? E a un servidor, despois de escoitar a pregunta, venlle á cabeza o recentemente consagrado templo barcelonés da Sagrada Familia e non pode evitar dicir en voz alta o que tantas veces ten pensado: o impacto impoñente que me producira, hai xa case corenta anos, aquel esqueleto edificado, dramaticamente espido contra a luz do solpor, foi perdendo forza conforme ían avanzando os traballos de construción até chegar a esta especie de opresiva frialdade turística coa que hoxe o enfronto. E pincharon as árbores que alí había dando vida ao rigoroso da pedra, supoño que para cumprir co mesmo rito de autoritaria condena que hoxe ameaza aos castiñeiros de indias de Vilalba, como parte dun pouco menos que febril proceso de conclusión suposta.

Se contemplas as esculturas de escravos nas que Miguel Anxo aplicou —porque se supón que sería ao adrede— a técnica do «non finito» comprendes sen esforzo a enorme carga expresiva que así se pode transmitir.

Jorn Utzon, o arquitecto que deseñou o tan celebrado edificio da Ópera de Sidney, deixou dito que «as grandes obras deben quedar inacabadas». Das outras non debeu dicir nada.

E feliz Nadal!

Comentarios