"Non existe cousa máis bonita que a explosión dunha gargallada"

'‘Menú da Noite'’ é un espectáculo "pensado para as mulleres", como recoñece o propio autor, xa que a mistura da palabra e do debuxo é o seu ingrediente principal. Un traballo distinto que leva enchido auditorios en toda Galicia e fóra dela e que se atopa "no seu momento máis doce"
Carlos Blanco
photo_camera Carlos Blanco

A unión da palabra de Carlos Blanco e dos debuxos do debuxante de tiras cómicas Luis Dávila deron como resultado o espectáculo ‘Menú da Noite’, que este vernes, ás nove da noite, chega ao auditorio de Burela dentro da programación cultural do Concello para este primeiro mes do ano. As entradas xa están á venda de xeito anticipado na biblioteca municipal, na Casa da Xuventude e no bar O Traste.

Que se ve en ‘Menú da Noite’?
O nunca visto. Dous humoristas traballando xuntos, un coa palabra e outro cos debuxos e que co seu inxenio levan tempo intentando divertir ao público. É un traballo moi elaborado tecnicamente, xa que ademais de nolos dous detrás hai un equipo integrado por cinco persoas máis para facer que o espectáculo sexa posible. E, sobre todo, somos dous señores con moitas ganas de disfrutar e de facer disfrutar ao público.

É un espectáculo que xa leva tempo sobre os escenarios, cal é a resposta do público?
Levamos 25 actuacións, sobre todo en Galicia, pero tamén actuamos en Escocia ou en Portugal. Estreamos con 1.300 espectadores en Vilagarcía e nos resto de actuacións que levamos feitas dende aquela houbo máis espectadores e moitos deles repiten, por algo será. Tendo isto en conta pódese dicir que si, que a resposta do público é boa.

"O espectáculo é algo vivo que vou cambiando e para Burela introducín un pequeno retoque"


En Burela verase algo novo?
O espectáculo é vivo e vouno cambiando en función das necesidades. En Burela retoquei un detalle, porque son moito de ir pulindo os espectáculos, aínda que o público apenas o notará. Agora mesmo, o espectáculo está nun momento doce, vai fluído e está no ritmo e no punto que eu quería.

Como xurde a idea de desenvolver unha actuación destas características?
Ocurriuseme a min. Ao longo da miña carreira fixen moitas colaboracións con músicos ou con outros compañeiros e cando vin o traballo de Luis gustoume tanto que o chamei para ver de combinar os dous traballos. Fixemos unha xuntanza na súa casa e, a partir de aí, estivemos un ano probando para ver a maneira de combinalo. Pódese dicir que é un espectáculo pensado para as mulleres, porque aos homes cóstalles facer dúas cousas á vez e moitas veces non saben si mirar para min ou para a pantalla. As mulleres tédelo máis fácil.

Que é o máis complicado?
Os tempos e os ritmos, mentres eu falo el ten que debuxar. En moitos momentos, o espectáculo ten que ir milimetrado para que el teña tempo de debuxar.

"O público da Mariña combina a timidez do interior coa expresividade da xente da costa- É unha zona que me encanta"


Resulta sinxelo arrincar o sorriso do público?
É máis difícil facer rir que facer chorar. É complicado facer rir a quen non quere rir, se o público vai con disposición de risa non é difícil. Outra cousa é conseguir que escache coa risa e eu por momentos o consigo e, a verdade, non hai cousa máis bonita que a explosión dunha gargallada. Ademais a xente cando sorrí ponse guapa.

Desenvólvese mellor en espazos grandes ou nos máis pequenos?
Este espectáculo fixémolo na Illa de Arousa ante 250 espectadores e na Praza da Quintana en Santiago diante de 7.000 persoas. Saio a romper, a por todas, en calquera dos dous formatos. Sen embargo, a cercanía favorece ao humor, porque nos espazos máis grandes quen está máis lonxe ten certa distancia do espectáculo. En auditorios máis pequenos, tés o público máis próximo.

Non é a primeira vez que actúa na Mariña, ten alguna particularidade o público desta zona?
Sempre fago a broma de que A Mariña é o interior con vistas ao mar. O público de interior é menos expresivo -menos en Lugo capital-, non dá tanto a sensación de estar disfrutando do espectáculo e o da costa manifesta máis que lle gusta. A Mariña combina estes dous aspectos e, a verdade, é que me encanta esa zona, onde teño un lote de amigos.

"O público é un animal de centos de cabezas e as reaccións no mesmo lugar a un mesmo traballo poden ser distintas"

Entón é certo iso que din de que o humor é xeográfico.
Si. A xeografía condiciona todo, ata o carácter e por tanto a reacción do público, que nunca é a mesma. Si vas a Barcelona, aos cataláns hai que darlles leña e en Madrid tes que ter máis coidado. De tódolos xeitos o público é un animal de centos de cabezas e as reaccións no mesmo lugar poden cambiar. Por exemplo, ás veces, fas dous pases no mesmo sitio e cambia a forma de reaccionar dunha para outra. Nunca sabes o por que das reaccións.

Gardan algunha anécdota deste espectáculo no tempo que o levan representando?
Si, sempre hai detalles. No espectáculo hai un poema medieval que uso ás veces e que fala de Lucía Sánchez. Nunha ocasión había unha señora na primeira fila que se partía de risa e resultou que ela se chamaba así. Doutra volta chegamos Luis e eu sen os zapatos de actuar e tivemos que mercar uns e para actuar en Londres tivemos que levar o material en barco. Por dicir algunhas delas.

É complicado facerlle rir a un humorista?
Polo menos a min si. Son moi fan de humoristas como Buenafuente, Kiko Cadaval ou Touriñán, grandes compañeiros, pero non é fácil facerme rir e é moi raro que bote unha gargallada. Son moi esixente co humor e son máis de rir por dentro que por fóra.

Comentarios