Non é xusto, señores e señoras da Academia

ANDAN XA a circular por aí nomes de posíbeis dedicatarios das Letras Galegas 2015. Por exemplo o ‘Foro E. Peinador’, integrado por nove empresarios, reclámao para Enrique Peinador ou Isidro Parga Pondal. Non dubido dos seus merecementos e do atinado que é recordarnos que a nosa lingua pode e debe estar ligada ao mundo empresarial. Tamén eu o desexo para Fiz Vergara, Xela Arias, Luísa Villalta e Manuel María por citar só as que en vida me foron máis próximas. Porén, señores e señoras académicas, é vergoñento que a estas alturas Don Ricardo Carballo Calero (e tamén don Ricardo Carvalho Calero) non tivese o seu 17 de maio con todo o que isto suporía de exhumación, estudo e publicidade da súa obra, que á fin iso é o que fica despois dos fastos, oficiais e non oficiais, cos que se celebra un autor ou autora de noso.

Coa man no corazón, señoras e señores académicos, respóndanse a vostedes, non a min, as preguntas que lles fago: De verdade non lle deben nada ao autor da ‘Historia da Literatura Galega Contemporánea’ e doutra abondosa produción ensaística e creativa? Poden xurar sen perxurar que non aprenderon nada del? Consideran que son vostedes máis dignos representantes desa institución do que o foi don Ricardo no seu día? Carvalho embaza a obra de Carballo? Dito doutro xeito: escribir nunha ou outra normativa invalida os valores literarios ou científicos dun autor? Iso non o apuntaron na conta de Risco ou Bouza Brey, que no seu día tamén utilizaron grafías etimolóxicas. Non cotiza para vostedes a dignidade da vida que houbo perder por condena fascista?

De lle dedicar as Letras Galegas do próximo ano ao autor ferrolán, os primeiros honrados serían vostedes, xa que de ben nacidos é ser agradecidos. Pola contra, quen se opón con uñas e dentes a este acto de xustiza, non fai máis que evidenciar cativeza de corazón e de miras. Porque a que temos con el é unha débeda histórica e “a historia -son palabras do propio Carballo Calero, aínda que referidas á lingua- pode e debe ser rectificada”. Rectifíquena, xa que logo.

As miñas palabras non atravesarán as portas da Rúa Tabernas, 11 . Isto, no que se refire á maioría dos ocupantes das cadeiras da Real Academia da Lingua Galega, chámase, pola miña parte, apostrofar, é dicir, falar para quen non nos vai responder porque non nos oe. Mais os galegos e galegas deben saber que se lle está negando a unha das persoas que máis traballou pola nosa lingua un recoñecemento que poucos mereceron coma el. O seu ‘pecado’? Seica o de defender nos seus derradeiros anos outra normativa. Esa é a desculpa.

Comentarios