«No es raro un gallego tocando flamenco, sino tantos en el rock»

Cuchus Pimentel. (Foto: Javier Nombela)
photo_camera Cuchus Pimentel. (Foto: Javier Nombela)

Fillo de Xesús Alonso Montero e neto de Luis Pimentel, Cuchus Pimentel abriuse camiño cara ao flamenco. Esta tarde, ás 20. 30 horas, dará un concerto como guitarrista en solitario no lugar no que empezouo a tocar: o Círculo de las Artes de Lugo

O músico lucense está impartindo clases no conservatorio profesional de música de Palma de Mallorca, aínda que leva unha semana de concertos en Galicia.

A imaxe que se ten do flamenco en Mallorca é tan de postal como tememos?

Si. O flamenco está orientado cara ao turismo.

Non me dirá que tocou para guiris nun tablao?

Non, non son músico para turistas. Teño o meu traballo no conservatorio e ando preparando as miñas cousas.

Pero, fóra de aí, os concertos escasean...

Vou tendo cousas, algunhas fóra.

Esas cousas das que fala é o disco ‘Sin fronteras’. Está gravándoo en Mallorca?

Gravo onde estea en cada momento. Hoxendía os ordenadores permiten iso.

Entendo que vai gravalo e despois mandalo a unha casa discográfica. Cal vai ser?

Estou queimado das casas de discos. Se cadra, fareino pola miña conta. Quero facer un compacto, ter o disco físico. Os vinilos non teñen saída neste estilo de música.

Os temas que vai interpretar no Círculo son da súa composición. Haberá algún do disco?

Si. ‘Ayamonte’ e ‘Viejos tiempos’. Prepararme para este concerto foi moi emocionante, porque supón volver ao Círculo, o sitio no que empecei. Alí recibín as primeiras clases, eran de guitarra clásica tradicional.

Como empezou todo?

Vin na televisión un guitarrista tocando ‘Romance anónimo’ e apunteime ás clases. Volver alí agora é un dobre compromiso nun día curioso, o 29 de febreiro. O programa que preparei toca un pouco todos os estilos, mesmo algúns case en desuso, coma os fandangos de Huelva. Abrangue tamén temas dos principios como ‘Primo’; outros máis experimentais como ‘Alalás das Mariñas’. O caso é que soen ben con guitarra soa.

Actuar en solitario representa maior responsabilidade e tamén maior liberdade.

Se estás preparado é unha experiencia bonita. Se hai unha boa acústica, como é este caso, podes tocar sen micrófono.

Comentabamos antes os seus comenzos. Empezou tocando jazz e rock. Como chegou ao flamenco?

A min xa me interesaba o flamenco , pero non había onde tocar nin quen che aprendese. Empecei tocando jazz, con NHU. A música clásica xa a coñecía e o jazz era demasiado libre. Buscaba algo novo e atopeino no flamenco, que é un punto medio entre a disciplina e a liberdade. Atopei tamén unha sonoridade, unha técnica e unha expresividade que é diferente á da música clásica.

Daquela, hai trinta anos, flamenco era Franco. Tivo que aturar moitos tópicos?

Eu tiña claro que era unha elección, un tipo de música máis, pero si, aturei moito e aínda sigo. O raro non é que haxa galegos tocando flamenco, o raro é que haxa tantos galegos tocando rock and roll, colonizados polo Obama. Eu escoitaba rock cando non estaba ben visto; despois, deixei de escoitalo, pero agora está volvendo: volven os 70, os 80, os 90,... O flamenco é algo que evolúe sempre, aínda que eu son un neoclásico, gústame que todo teña que ver coa tradición.

En Galicia tocan flamenco vostede e Marcos Teira. Non hai tradición.

O tren está aí para ir a Andalucía, que é onde está a alma.

O episodio máis notorio da incomprensión é cando interpretou o himno galego no Hórreo.

Houbo quen polemizou a base de mentiras. Interpretei a peza sen varialo nin tocar unha gota de flamenco, pero non se pode convencer aos xordos.

E non pasaría nada por versionealo, ou?

Pero non o variei porque quero respectar a música. É espectacular.É unha peza magnífica que non precisa nada.

Colaborou vostede con Isabel Pantoja ou con Los Piratas.

Á Pantoja non a vin. Entereime pola partitura de que estaba tocando para ela. Con Los Piratas teño dado concertos.

Que toca cando está na casa?

Un pouco de todo.

Conféseme algún tema de radiofórmula que o teña atrapado.

Non escoito radiofórmula. Teño 4.000 compactos na casa e ando por aí cun iPod.

A que flamenco anda escoitando?

Non escoito flamenco porque iso me leva a coller a guitarra e tocar. Escoito jazz, Bob Dylan, country e moitos guitarristas mexicanos ou peruanos. Non escoito radio nin vexo a televisión, non me meto en internet a buscar: levo moitos anos de atraso. A música que teño na casa é a que quero escoitar. Agora ando lendo un libro de música popular mallorquina.

Hui! Veremos nos vindeiros anos que avanza cara outros estilos.

Son guitarrista flamenco e é o que quero seguir sendo, aínda que me interesen outras cousas no ámbito persoal.

Comentarios