"Non cambiou nada practicamente desde o románico"

Traballos comunitarios
photo_camera Traballos comunitarios

Nunha ocasión estaba eu podando a carón do camiño, cando pasou unha familia que viña de paseo. Un dos nenos preguntoulle ao pai polo nome dunha sobreira. A nai, que era natural dun pobo próximo preguntoume a min: "Señor, ¿cómo se llama este árbol?". Eu, nin curto nin preguiceiro, resposteille: "Chámase plátano galego". "Cuando yo vivía por aquí no se llamaba así", dixo ela. "Cando meu pai escoitaba algunha burrada -engadín-, adoitaba dicir: ‘Alcornoque’". Non sei se recolleu a intención da frase.

Jesús González Rodríguez (Abeledo) / Taboada

Falar de Galicia rural, daquela aldea luguesa na que vivín a miña nenez, obriga a botar man das lembranzas. A Galicia rural xa non existe. Ou existe nunha medida relativa. Galicia ten hoxe os mesmos índices de poboación rural que Alemaña, por poñer un exemplo. O mundo que aínda lembramos, coa súa carga negativa, pero tamén con valores moi positivos, desapareceu ou está a piques de o facer. E con el morre unha presenza milenaria, unha cultura que construíu todo o que somos.

Basilio Losada / Penaboa / Láncara

Alí estaban as tabernas; os amigos Leandro, o gaiteiro; os irmáns ferreiros Andrés e Silvino; e tamén outro ferreiro que facía de todo, Luís O Purrelo, etc. Xusto detrás da igrexa empeza a costa e o camiño que nos conduce ata a parroquia de Mazaira e seguindo a pena do Xastre, o camiño da vila do Castro. Seguindo esa costa atopamos varias aldeas da parroquia: A Ventosa, Figueiro, Os Vilares, Moreiras de Abaixo, Moreiras do Medio, Moreiras de Arriba, As Cortes, As Pozas, San Lourenzo e San Martiño. Abaixo de todo, onde o Sil forma espectaculares meandros, está A Covela. Na parte máis fermosa que é o val atopamos os lugares de Paredes, do Carballiño, do Barrio, do Outeiro, de Campos e de Lama de Paio. A paisaxe e as vistas que se poden contemplar desde calquera recanto desta parroquia son espectaculares cando ollamos cara a abaixo, ao Sil e, do outro lado do río, á paisaxe aberta da Terra de Lemos. Convén que a xente non esqueza visitar os abundantes, impresionantes, variados, centenarios ou quen sabe se milenarios castiñeiros nunha ampla zona de soutos e sequeiros en ruínas e que un día foron as vivendas temporeiras para os caldelaos que ían coidar do viño aos lagares ou ían recoller e secar as castañas nos sequeiros.

Olegario Sotelo Blanco / Torbeo / Ribas de Sil

Luaces y Mosteiro del ayuntamiento de Pol, en mi juventud, allá por 1950, constituían la misma parroquia con un único sacerdote, separados por la carretera de Lugo-Riojuan-Meira... y unidos por la feria de Mosteiro, por el comercio situado, principalmente, alrededor del campo de la feria... y por lazos de familiaridad y amistad.

José Antonio / Pol

Agora son un urbanita. Todos os somos ou queremos selo. As aldeas quedan abandonadas e xa case ninguén fai o seu propio pan. "En canto eu morra non volvedes a comer un chourizo coma este", dime meu pai. E non lle falta razón. Eu son un deses rapaces que se viu identificado cando leu ‘Memorias dun neno labrego’; vivín a aldea en primeira persoa. É unha vida difícil, pero tamén agradecida. Ás veces danme ganas de marchar para alí, plantar as miñas leitugas e facer vida á marxe do mundo, pero supoño que a miña vida acomodada de urbanita non mo permite.

Víctor González / Lugo

Naquela época San Andrés de Boimente era moi activa, tiña moita xente e había moita colaboración entre os veciños. Todos se axudaban mutuamente e todas as xuntanzas eran case como unha festa, pero isto foise esquecendo pouco a pouco. Rememoramos todas as festas, feiras e romarías tradicionais que se facían na parroquia e nos arredores, moitas das cales xa se perderon. Labores como as mallas, como se araban as terras, os fotógrafos que había, os mestres, os curas... todas as actividades se celebraban dun xeito diferente.

Flor Chao / Boimente / Viveiro

Cando estudei cheguei a facer un traballo sobre a historia da parroquia de Nois. Sempre estarei moi vencellado a ela. Historias que me contaron persoas que xa non están, lendas, anécdotas, chistes e chismes. Alí vivimos celebracións familiares, tamén momentos de tristura por algún pasamento, en definitiva, a vida. Hoxe, aínda que está mellor comunicada que daquela e tamén se renovaron moitas casas, Nois conserva o engado da vida rural das parroquias costeiras de Galicia, a pesar da globalización. Recordo incluso olores peculiares que non hai na Coruña. Para min forma parte da miña historia e do meu ser e seguro que moitos aspectos de como son eu se deben a Nois.

Alfonso González López / Nois / Foz

Había sempre diversión, a porcentaxe de xente nova era moito máis alta. Iso en min quedou moi fixado. Mesmo cando viaxo -eu viaxo moito polos países árabes-, iso é como encontrarme na miña mocidade, porque alí poden chegar ao setenta por cento da poboación de xente menor de trinta anos. Ti vas por unha aldeiña de Marrocos ou de Siria e ves inmediatamente a alegría da xente nova. Nós iso vivímolo. Os sectores novos de hoxe, iso non o coñecen. É outra cultura diferente.

Lois Diéguez Vázquez / Monforte

Esos atardeceres me recuerdan a una etapa de mi infancia en El Jardín, en casa de mis abuelos, Os Chonos. Especial recuerdo a mi abuela Paca, de la cual aprendí casi todo lo que soy, lo mismo que yo intento inculcar a mi nieta Yolanda, mi prenda más querida. Recuerdo que me mandaba a buscar la leche, un día a casa Villamil, otro a casa Escaleira, y si se necesitaba más cantidad, a casa de la Granxa. Todavía hoy suelo hacer ese recorrido cuando estoy en Ribadeo y me entristece ver lo cambiado y deteriorado que se encuentra. En cualquier pueblo de cualquier lugar estaría mejor conservado.

José María Sanjurjo Peña / Ribadeo

Recordo na estrada xeral: Familias e tendas de negocio; cara a Ribadeo, no lado de arriba: Taller de Carpintería e familia de Flores; Os de Patricio-barbería; dona Amparo e Elías da Farmacia; a carnicería do Catalán; os de Capellán e central telefónica; os de Ramallal coa tenda; ‘Pín’ da Pita, bo xogador de fútbol e a súa familia con tenda, comidas e estanco; o señor Gervasio e o seu camión Krupp; o dentista don Pepe de Fermín; don Eustaquio coa tenda e a política; os de Lola de Colasito; os de Cabodevila coa ferretería.

Rafael Lombardero García / A Pontenova

Esta parroquia estaba considerada o cabo do mundo porque non había estradas. Tiña que ser atrasada, claro; pero cos medios de comunicación progresou moito, pois é unha bisbarra moi vizosa e rica. Nela vivo a gusto porque aquí naceron as miñas fillas e porque son querido por todos os veciños. Vivo feliz coa miña dona, que non me deixa mover unha palla desde que se me declarou unha hepatite crónica, e o meu santo é disfrutar desta fermosa paisaxe e ver como prospera o pobo coas aportacións dos emigrantes que voltan ás súas casas.

Eliseo López González, o Dentista de Aldosende / Portomarín

Comentarios