Non borrón, si conta nova

CANDO Baltasar Garzón procesou a Pinochet, fomos moitos e moitas os que, aínda celebrándoo, pensamos que alguén nos podía lembrar que tiñamos a casa propia sen varrer e nos dedicabamos a varrer a allea. E así sucedeu: en moitos medios españois e estranxeiros esta foi unha reflexión continua. A constatación de que o ditador chileno fora culpábel da morte de máis de cinco mil persoas, Víctor Jara entre elas, ben xustificaba a medida; mais aquí, xa rematada a guerra e sen contabilizar os caídos nela, seica a cifra de mortos do réxime franquista multiplica por cinco as producidas na era Pinochet. A coherencia do noso xuíz estrela tardou abondo en manifestarse, pero benvida sexa.

Non entendo de leis nin de procedementos, non sei se Baltasar Garzón vai poder levar a cabo o seu propósito. Tampouco sei realmente cal é ese propósito. Se se trata de recordar os mortos, de denunciar as inxustizas e a barbarie exercida sobre eles, de devolverlles a dignidade, de dicir os seus nomes e de recuperar os seus ósos para consolo das familias, paréceme moi ben. É un exercicio de hixiene democrática, por tópica que resulte a expresión, e só así a ferida non cicatrizará en falso, porque o que está claro é que aínda supura. Non desexo ver a catro vellos sentados no banquillo. O que ten que ficar claro é que a ilegalidade partiu dos golpistas e que os defensores da democracia foron as primeiras vítimas, mais non as únicas. Porque os que caeron no bando chamado nacional tamén foron vítimas da insensatez e ambición de Franco e os seus adláteres. Eles foron quen lles deron patente de corso a todos os que, coa capa da Falanxe ou dun uniforme, se dedicaron a torturar, matar e tirar nas cunetas en nome da patria, cando o que os movía era a vinganza, a envexa ou o propio instinto sanguinario.

Hai poucos días Fraga, para defender o borrón e conta nova, dixo que houbera barrabasadas nun e noutro bando. É certo, mais a equidistancia non existe. Eu tamén escoitei dicir sempre que a guerra fora inevitábel. Unha miña tía contaba como vira en Madrid, pouco tempo antes do 18 de xullo do 36, monxas cravadas nas portas do convento que ardía. Oín falar de Paracuellos. Sei de curas queimados vivos en presenza de familiares aos que lles obrigaron a contemplar a escena. Sei que o ser humano, sexa de dereitas ou de esquerdas, é capaz de ser un lobo cos seus conxéneres, como xa ensinara Hobbes no século XVII. Pero tamén sei que a guerra non só non soluciona os problemas, senón que os agrava. Se aquelas barrabasadas, para dicilo coas palabras de Fraga, xustificaron o golpe de estado, pódese inferir que a solución para ETA, que comete atentados sanguentos, sería un novo réxime ditatorial. Mais poucos pensan iso, porque somos maioría a acreditar nos valores da paz e a democracia.

Como resultado do proceso iniciado por Garzón quedaría eu satisfeita se, como é de lei facer coa ETA, se establecese a obrigatoriedade de condenar o réxime franquista para poder participar na vida política do país.

Comentarios