Non aprenden

ESTOU PREOCUPADO polos políticos -así en xeral, por non chamarlles clase política-, porque parecen máis preocupados pola súa permanencia que por buscar alternativas, e corren o risco de que os leve un tsunami. Non me acusen de provocar unha revolta, non é a miña intención, pero a aparente tranquilidade logo de pasados episodios de acritude contra os nosos representantes parece levalos de novo á autocomplacencia e pensar máis en salvar os seus postos que en salvar o seu país, comunidade, concello. Como se nada pasara, e aquí nos últimos seis anos houbo demasiados acontecementos como para obvialos, pero aínda quedan políticos a centos enzoufados en casos de corrupción e moitos outros que non foron descubertos porque, como recoñeceu o fiscal xeral do Estado, á xustiza fáltanlle medios, e non serán os políticos os que a doten deles, pola súa supervivencia. Non aprenden.

Comentarios