Non apaguedes a música

Os países cunha mellor educación son os que fomentan a formación musical e, en xeral, a educación artística. A música fainos mellores, mellores persoas, ese tesouriño de toda sociedade. E fomenta a atención e a capacidade matemática. A inversión cultural que cambiou para ben este país nunhas poucas décadas de democracia pode colapsar nuns poucos anos de ditadura económica. Daquela todos nos percataremos de que a ignorancia é o gasto inasumible para unha sociedade moderna. Construír a urdida cultural dun país custa moito pero pódese perder en pouco tempo.

Concellos e autonomías que con pequenas inversións mantiñan abertas escolas de música quitan eses poucos miles de euros condenando á morte institucións modélicas que engadían valor aos pobos, e cultura a sociedades ásperas onde o vandalismo, a suciedade e a brocha gorda da mala educación gañan terreo cada fin de semana. Este é un dos poucos países do mundo onde toda festa remata en botellón.

Pensan os gobernos que investir en música, afinar a sensibilidade do pobo, educalo artísticamente, é algo prescindible. Semella que o imprescindible é o que nos identifica cos animais: comer, aparearse, ter fillos se cadra, defecar, ir morrendo. A iso vaise reducindo a vida das persoas no ‘paraíso neoliberal’, no modelo ‘sociedade 20:80’, que describen Peter-Martin, H. e Schumann H. en ‘La trampa de la globalización’: 20 necesarios, 80 desbotables.

Conservatorios e escolas municipais de música e danza pechan. Apágase a pouquiños a música, a beleza, mentres nas rúas medra o ruído delincuente. Sen cartos para pan, gastamos en postais: a música de todos en clubes de exquisitos. Lorin Maazel costou 4,5 millóns de euros no seu primeiro trienio no Palau das Arts de Valencia. O saqueo chegou ata os 35 millóns no Palau da Música de Barcelona. No Teatro Real, segundo o Boe, a montaxe de cada ópera custa 4 millóns e recada en taquilla un. A megaprodución ‘San Francisco de Asís’ ingresaba cada día 28.800 euros e cada día gastaba 714.000. Compárese esta arrogancia co traballiño calado, efectivo, das bandas das vilas, escolas de música, conservatorios, mentres endiosados directores de orquestra e políticos con complexo de faraóns inflan burbullas e esquecen aos músicos.

Agora mesmo, un dos emblemas culturais do país, patrimonio de todos, a Orquesta y Coros da RTVE está no corredor da norte. Recortes asasinos converten a música culta nun gueto de ricos, mentres a infumable Lomce xibariza nas escolas a música condenando aos rapaces a un estado de malnutrición cultural.

Convén reivindicar que os gobernantes escoiten o concerto da cultura. Que non apaguen a alegría de vivir, a educación artística, a danza. Como comer, como respirar necesitamos a música que nos fai feramente humanos.

Comentarios