miércoles. 16.06.2021 |
El tiempo
miércoles. 16.06.2021
El tiempo

Nomenklatura. Establishmen. Casta

AMOLADO quedou un estadista da calidade do expresidente González cando un dirixente de Podemos acusoulle de pertencer á ‘casta’. Casta: couto pechado onde non collen credos nin ideoloxías pero caben desvergonzas e privilexios.

Días atrás saltaron as alarmas cando un tipo, Jordi Pujol, coa xustiza na caluga, pasou de pai da patria a delincuente fiscal. Nese pozo de euros sucios patalexaba a familia enteira. Cada día acéndense luces vermellas nun país onde a corrupción política pasou de epidemia a pandemia. Véxase o rosario de sospeitas, imputacións e condenas que se asoman cada días aos titulares. Tamén anécdotas: os parlamentarios de Euzkadi cobran dietas de asistencia… nas vacacións.

Ata un parvo habitual, o presidente Holande confesa divertido que non lle gustan os pobres. Ao ‘socialismo’ francés, o de Strauss-Kahn, mandril rico e depredador sexual, góstanlle os soldos obscenos, os privilexios, restaurantes de sete garfos. Por cousiñas de aquí e acolá, a xente perde a fe nos políticos, problema e non solución. Pero sen política… que queda?

Na España dos nosos pecados dondas alfombras van do consello de ministros aos consellos de administración, dos escanos do Congreso ás empresas. Agora mesmo vintecatro (24!) excargos políticos están a soldo das eléctricas. Son clase dirixente ou casta que socava os valores democráticos para defender intereses económicos duns poucos?

Casta, nomenklatura, establishment son sinónimos para definir a alianza entre poderosos. Nesa comunidade de intereses conflúen dereitas, socialistas despistados e nacionalismos conservadores. Son políticos mediocres, con chiscadelas continuas aos traballadores en titulares, argumentarios do goberno e soflamas pero non nas súas políticas. Ata teñen o cinismo de denunciar os privilexios da casta e negan pertencer a ela, chámense González, Aznar ou Blair, aínda que escandalizan máis os políticos progresistas adiñeirados e inmorais. Ou corruptos, teimudos amasadores de privilexios, con amplísima nómina en España e nas Españas autonómicas que lexitiman a concentración de riqueza en poucas mans. Son os que desde o poder están a desmantelar o público. E declaran enfáticamente que non hai outra alternativa descoñecendo que política é alternativa. Son os que se negan a subir impostos aos ricos e nada fan para regular a lei da selva na que medran negocios privados.

A casta entretécese con intereses compartidos entre un poder político que aproba leis, medios que domestican o debate político e donos dos cartos que dirixen a economía… e a política. Eles son os culpables da infinita desigualdade que está a poñer en perigo as democracias. Son a nomenklatura, o establishment, a casta… que renega da ‘casta’.

Nomenklatura. Establishmen. Casta
Comentarios