A noite das dúas lúas

Durante as últimas semanas circularon pola rede correos electrónicos anunciando un insólito fenómeno que ía permitir ver, na media noite do 27 de agosto, dúas lúas no ceo. A explicación científica a tan fascinante estampa non sería outra que a proximidade do planeta Marte que, ao se atopar en oposición, presentaría unha aparencia semellante á da lúa. As mensaxes insistían ademais no feito de que semellante circunstancia non se volvería dar até o ano 2287, o que remarcaba a súa excepcionalidade.

Como algunhas fontes se encargaron de advertir, o anuncio desa marabillosa noite iluminada por dúas lúas era absolutamente falso. Nin este ano Marte estará en oposición, nin sequera no día sinalado foi visíbel desde a nosa latitude. Alén disto, os expertos explican que, no caso de se producir tal concorrencia de astros, Marte nunca se vería como unha lúa chea senón apenas como un punto vermello de dimensións moi inferiores a esta. A máxima proximidade de Marte a nós tivo lugar en agosto do ano 2003. Malia que o planeta non foi divisado máis que como unha estrela brillante no firmamento, hai quen ve neste fenómeno, divulgado no seu momento pola rede, a orixe do engano.

O anuncio da lúa e de Marte brillando a un tempo no ceo de finais de agosto é unha das moitas mentiras, bulos, ou ‘hoax’, como adoitan denominarse na terminoloxía informática, que circulan acotío por internet. Trátase de informacións falsas difundidas de xeito masivo e que incitan ao seu reenvío. Os ‘hoax’ acostuman a conter advertencias enganosas sobre virus, alertas sobre cuestións que afectan á saúde (toxicidade canceríxena da auga envasada en botellas de plástico ou dos desodorizantes) e denuncias varias. O feito de se presentaren baixo a aparencia dunha cadea, ben sexa solidaria, ben sexa destinada a invocar a boa sorte ou escorrentar os malos agoiros, convérteos en substitutos das desaparecidas cadeas que circulaban polo correo postal, noutrora tan populares. Non obstante, os efectos nocivos dos ‘hoax’ son abondo coñecidos, pois non só xeran unha importante contaminación que entorpece o funcionamento de internet, senón que están en ocasións destinados á obtención de enderezos electrónicos para fins ilícitos,
coma o ‘phishing’ ou suplantación de identidade.

A medio camiño entre a brincadeira e a fraude, os ‘hoax’ forman parte xa para moitas persoas das lendas urbanas. A existencia de numerosos mitos e crenzas protagonizados pola lúa reforza o carácter lendario desta trola. A atracción e o misterio que sobre nós exerce a lúa converteu ademais o ‘hoax’ difundido ao longo de todas estas semanas nun dos máis fermosos e convidounos a mirar o ceo querendo ver, en lugar da lúa crecente e alaranxada do final do verán, a marabillosa imaxe dunha noite de dúas lúas.

Comentarios