De preto

Noelia Cendán Teijeiro: «Estou centrada en reformular temas de obras gregas»

A cospeitesa Noelia Cendán Teijeiro vén de gañar o primeiro accésit no XI Premio de Relato Curto Alumni USC, un exitoso inicio para un moza recén aterrizada nos certames que pretende continuar pola senda das letras.
Noelia Cendán Teijeiro
photo_camera Noelia Cendán Teijeiro

Que foi o que a motivou a presentarse ao certame?

Sen dúbida, a necesidade de representar por escrito certas ideas que andaban a pulular pola miña cabeza. Resultaba todo un reto para min fialas axeitadamente para crear un relato que resultara tradicional e, asemade, posuíra certa dose de creatividade.

Era o primeiro concurso no que participaba?

Si, este é o primeiro certame ao que me presento en sentido estrito. Gústame escribir dende que era nena mais nunca participei neste tipo de concursos, exceptuando os certames literarios do instituto.

Que sentiu cando lle anunciaron que recibira un accésit?

Cando vin que me concederan o primeiro accésit a miña sorpresa foi enorme por varias razóns: en primeiro lugar, porque descoñecía cal era o nivel literario real do texto presentado. Isto depende moito da cantidade de xente que participe e da calidade dos traballos. Eu sabía que o certame tivera boa acollida, o que non esperaba era que o meu traballo estivera entre os recoñecidos. Ademais, a miña inexperiencia neste ámbito impedíame poder facer unha valoración axeitada. De todos os xeitos supoño que sempre hai un factor imprevisible neste tipo de certames. Por todas estas razóns, a miña sorpresa ao recibir o accésit foi enorme e debo recoñecer que, como neófita que son neste ámbito, supuxo para min unha importante inxección de moral.

O xurado destacou a calidade, creatividade e bo facer literario dos relatos presentados. Séntese identificada con esa definición?

A miña valoración acerca do meu traballo dificilmente pode ser obxectiva e debo recoñecer que, por moito que eu pense que está ben, cando reviso os meus escritos fíxome nos defectos e nas carencias que existen. Mais tamén debo dicir que lin os relatos dos meus compañeiros, María -a gañadora-, Monserrat e Héctor e que, efectivamente, neles si puiden apreciar unha innegable calidade literaria. Ademais, que podo dicir eu se Héctor Cajaraville vén de recibir o premio Xerais de novela!

Este galardón motiva para seguir escribindo?

Si, moito. De feito, dende que o souben non parei de escribir. Xa sei que non podo obter recoñecementos en todos os certames aos que me presente, mais o feito de saber que o meu nivel literario é válido estame a preparar para resultar perseverante.

De que trata ‘Un monólogo para Mrs. Musgrove’?

Este relato é un canto á señardade, a palabra máis fermosa que coñezo e que, ademais, resulta ser un auténtico emblema dentro da cultura galega, en especial, na idiosincrasia chairega. Precisamente, no monólogo que dá título ao relato o ancián protagonista esboza -mediante o que os teóricos definen como ‘stream of conciousness’- un cúmulo de sentimentos derivados do feito de sentir señardade, pese a que en ningún momento fai alusión a esta palabra. Será a súa interlocutora, Mrs. Musgrove, a que descubra co tempo cal era o sentido do monólogo do ancián.

Xa ten en mente algún outro relato?

Si, claro. Agora mesmo estou traballando con temática clásica, tomando temas de obras gregas coa finalidade de reformulalos e, así, poder explicar sucesos da actualidade.

"Este relato é un canto á señardade, a palabra máis fermosa que coñezo, e que é un emblema da cultura galega"

Ten pensado dar o salto á novela?

De momento escribir unha novela paréceme un traballo bastante laborioso. Creo que require non só coñecementos senón tamén unha boa dose de paciencia e esforzo. Non podo negar que me gustaría escribir unha novela, mais primeiramente tería que examinar se é un xénero no que me podería desenvolver con soltura. Eu creo que cada un debe apostar por aquilo no que poida aportar algo, por pouco que sexa e, con sinceridade, non sei se eu podería aportar algo novo a este ámbito narrativo. Xa sei que isto pode resultar pesimista, pero cada vez que me propoño un reto gústame examinalo dende este punto de vista, prefiro calcular ben as miñas posibilidades.

Estudou Filoloxía Clásica na USC, por que se decantou por esa carreira?

Decanteime por ela porque, por moi paradoxal que poida resultar, o estudo dos textos clásicos sempre me pareceu o máis útil dos coñecementos. Esta afirmación creo que ben podería ser causa de mofa na sociedade actual, moi dada a denostar este tipo de coñecementos porque, a priori, son considerados saberes inútiles. Soamente podo dicir que ir contracorrente non significa fracasar, que facer o que che gusta non é un privilexio ao alcance de poucos senón unha opción pola que a xente non ten a ousadía de apostar e que moitas veces é necesario desviarse da senda marcada pola sociedade, que nos converte a todos en iguais.

Hai cousa dun ano presentou a súa tese, en que estaba baseada?

A miña tese está baseada nun dos temas que máis me apaixona da literatura grega: as emocións na traxedia de Eurípides. Nela intentei crear un método de traballo que permitira realizar unha análise sistemática das emocións, epicentro da caracterización e da comunicación dramática e, polo tanto, entidades que custodian a profundidade psicolóxica.

Dedícase á ensinanza. Sempre tivo clara a súa vocación?

Si. Tiven moita sorte, porque nunca tiven dúbidas ao respecto.

Que proxectos de futuro ten?

Estou acostumada a ter moitos proxectos na mente. Porén, agora mesmo gustaríame centrarme soamente nun: a escritura.

Comentarios