''En el trabajo, si una mujer impone sus ideas la llaman caprichosa''

A xornalista lucense Marta Darriba conduce o primeiro informativo da xornada da TVG

1. ¿Que é o que máis lle gusta e lle desgusta do seu traballo?

Encántame o dinamismo desta profesión: a variedade de temas que se abordan fan que unha teña que estar ao día e non perder nin un minuto o fío da actualidade. E isto engancha, crea adicción.O que máis me desgustan son os condicionantes técnicos e, ás veces, incluso burocráticos, que lle cortan inmediatez á profesión.

2. Se volvese empezar, dedicaríase a...

A facer xornalismo de viaxes ou á investigación farmacéutica.

3. O soño que máis se repite é...

Vivir uns anos en EE.UU.

4. ¿Estraña algo do que foi deixando atrás?

Non son nostálxica, sempre miro para adiante.

5. ¿A quen admira?

A calquera que se sobrepón á traxedia e fai dela un motivo para seguir adiante, dándonos a todos unha lección de supervivencia.

6. ¿Hai algo do que se arrepinta que se poida contar?

Supoño que si, pero cando un fai balance e se arrepinte de algo, ten que gardar a lección aprendida, pechar a porta e seguir.

7. ¿Votou nas últimas eleccións?

Si.

8. ¿Atrévese a dicir a quen?

Por suposto, pero creo que o xornalista debe manter unha sa equidistancia na esfera profesional para poder exercer. Bastante nos etiquetan xa os de fóra.

9. ¿Que cita subscribiría?

«Vive coma se foses morrer mañá. Aprende coma se foses vivir para sempre», do Mahatma Gandhi.

10. ¿Que coche ten?

Un BMW X3 e un Suzuki Swift.

11. ¿Cal foi o capricho máis caro que mercou?

Unha viaxe de verán.

12. ¿Cal é o seu ben material máis prezado?

Tres aneis: un herdado da miña avoa, outro de compromiso e a alianza de voda.

13. Unha toleada que fixera por amor.

Só confesable na intimidade...

14. ¿Hai algo que non lle perdoaría a súa parella?

Perdoaría case todo se hai arrepentimento pero nunca perdoaría, por exemplo, que fixera dano aos nosos fillos.

15. ¿Teñen algún pacto?

O amor.

16. ¿Envéxalle algo ao outro sexo?

O seu pragmatismo para tomar decisións, e tamén unha vantaxe profesional que teñen: cando un home impón o seu criterio é unha persoa de ideas firmes, cando o fai unha muller é unha caprichosa.

17. ¿Que libro ten enriba da mesiña de noite?

‘El juego de Ripper’, de Isabel Allende.

18. Non sae da casa sen...

Un gorro e unhas gafas de sol.

19. ¿Que pecados capitais desculpa?

Case todos, menos a soberbia.

20. Algo que nunca falte na súa neveira.

Sweppes Limón Zero.

21. Pérdea un bo...

Concerto e unha boa viaxe.

22. Unha prenda que desteste

Os escotes palabra de honor e un complemento: o paraugas.

23. As súas mellores vacacións.

En Salvador de Bahía (Brasil).

24. A súa viaxe soñada sería a...

Percorrer os EE.UU. e Australia.

25. ¿E a súa materia pendente?

Coñecer máis idiomas.

«GUSTARÍAME ENTREVISTAR A PILAR DE LARA»

1. Presenta a diario o informativo ‘Bos días’ na TVG. ¿Como leva iso de madrugar?

Ben, pero salto da cama ás 04.15 da mañá. Os primeiros dez minutos son duros pero, a partir de aí, sen problema. E hai vantaxes como chegar ao traballo sen tráfico, e tamén a complicidade cos dous únicos compañeiros na redacción. Sempre botamos uns risos.

2. ¿E déixana durmir ben os datos de audiencias?

As audiencias non me quitan o sono, sácamo o traballo mal feito, pero si me manteñen á expectativa cada mañá mentres estou no directo. Por sorte, o ‘Bos días’ funciona moi ben, case sempre teño unha grata sorpresa que me anima a seguir cun sorriso.

3. ¿A que personaxe lle gustaría entrevistar e que é o primeiro que lle preguntaría?

Á xuíza Pilar de Lara e, aínda que non fora o primeiro, preguntaríalle que peaxe profesional e persoal está a pagar coa instrución da Pokemon.

4. ¿Cal foi a súa entrevista máis complicada?

Esas nas que os políticos veñen cunha folla de ruta marcada que impide conseguir respostas sinceras e directas.

Comentarios