No ronsel de Amencer Dourado

SE LLES CHAMÁSEMOS sodomitas, tal como lles corresponde de atérmonos a unha outra lectura da Biblia, os membros de organizacións de ultradereita tales como o Movimiento Social Republicano, España 2000 ou Alianza Nacional, habíanse sentir moi ofendidos. Consonte o uso tradicional do termo, entenderían que nos referiamos á súa condición sexual e daquela, tan machos eles, a saber como reaccionarían.

Mais seguramente non se alterarían se lles aclaramos que o pecado destas dúas cidades foi, segundo acreditados biblistas, non acoller aos estranxeiros. Pola contra, sentiríanse afagados porque a miúdo profesan odio aos inmigrantes, nomeadamente se son pobres. E, se menciono isto, é porque, tamén a miúdo, se declaran católicos practicantes.

Saberán vostedes que, a imitación de Amencer Dourado, que o facía cos gregos, andan a repartir alimentos e outras achegas a persoas necesitadas, pero teñen que cumprir a condición de seren españois. Envolven a xenofobia na falacia de que todas as axudas por parte do goberno e outras institucións son para os estranxeiros. Ao partido neonazi grego isto valeulle moitos votos porque, por desgraza, a fame raras veces é solidaria e a fartura adoita ser agradecida.

Porén, a fame dun ser humano é igual á fame doutro ser humano, independentemente da cor da súa pel ou do seu lugar de nacemento. A verdadeira solidariedade non pregunta nin pide nada a cambio, entrégase a todos como a chuvia e o sol.

Aínda que ninguén os poida obrigar a estender a súa acción benfeitora ás persoas vidas doutros países, estas cousas hai que situalas a carón de moitos feitos que están a facer evidente o agromar do fascismo. A entrada violenta na sede da Generalitat de Cataluña en Madrid na celebración da Diada ou o asalto ao despacho dun avogado vigués pertencente á Fundación Contra a Impunidade, que loita pola memoria histórica, non son máis que a punta do iceberg.

Asombra que este tipo de cousas esperten moitas veces menos alarma e sexan obxecto de menos represión que as lexítimas protestas da xente. É evidente que do substrato cultural e político deste país afloran aqueles case corenta anos da ditadura.

O caldo de cultivo no que se crían estes elementos é a situación que estamos a vivir, na que a confianza no goberno cae a cadora como reflicten claramente as enquisas. Cómpren redentores e cadaquén os ve onde lle alcanza a vista. Mais non estaría de máis usar lentes e aínda telescopios para ver máis aló. Para facer un político ou unha política é precisa unha persoa, un ser humano. Os que teñen que ver o carné para distinguir os semellantes, non o son.

Comentarios