"No portal de Belén hai estrelas, sol e lúa"

Montar un belén pode ser máis ca poñer un portal e unhas cantas figuras. Nadal tras Nadal, son moitos os nacementos que testemuñan a orixinalidade de pequenos e de maiores á hora de recrear a chegada ao mundo de Xesús

unha das panxoliñas máis coñecidas e cantadas durante o Nadal é ‘La Marimorena’, esa que di que «No portal de Belén hai estrelas sol e lúa, a Virxe e San Xosé e o neno que está na cuna». E esta letra tamén serve para referenciar o que teñen en común as recreacións do nacemento de Xesús que se veñen facendo dende hai uns 800 anos, cando se considera que San Francisco de Asís montou o primeiro belén, por así dicilo.

A localización en Belén, que ya dá nome a toda a montaxe, o pesebre, e os protagonistas da historia non faltan en ningunha das sucesivas postas en escena, aínda que estas poidan ser tan variadas e variopintas como impulsores haxa detrás, tal e como se pode acreditar con só botar unha ollada ás creacións de concellos, colectivos sociais, culturais ou deportivos, centros educativos, parroquias ou particulares.

Quizais o máis complicado e lucido sexa darlle forma a un belén vivinte que, loxicamente, está marcado pola brevidade. Por iso o normal é que se recreen só en datas moi sinaladas, xa sexa nunha función escolar, nas cabalgatas dos Reis Magos ou nunha celebración veciñal ou relixiosa. Especialmente significativo é o caso da parroquia de Meira, onde este ano uns 25 nenos recrearán a feira da vila os días 25 de decembro e 6 de xaneiro.

Co senlleiro e xa histórico belén electrónico de Begonte como referente, os exemplos de apostas polo belenismo de figuras van dende o tamaño natural do portal que xa loce ao carón da capela da Guadalupe de Vilalba ata as reivindicacións sociais que cada ano invaden a capela de San Antón de Momán, pasando polas orixinais creacións de gancho de Cáritas en Guitiriz ou o poboado de Nadal pontés.

Non faltan as representacións tradicionais nin as creacións dos apaixoados por darlle vida a un mundo en miniatura no que se fan repasos históricos ou se recollen costumes labregas, coma no belén de José Grandío, que ano tras ano converte a terraza do hostal Terra Chá nun belén que anda xa polos cen metros cadrados.

E ese é precisamente o espazo que lle gustaría ter a Arsenio Lorenzo, un veciño de Guitiriz que leva toda a súa vida montando un belén cada Nadal. «Ya era una tradición de mis abuelos», lembra, lamentando non ter máis oco dispoñible que o da terraza do seu piso, no que recrea unha Palestina con inspiración saharaui na que conviven as múltiples construcións deseñadas por el co portal recuperado na casa da súa muller e as figuras traídas dende puntos tan dispares como Ceuta, Algeciras, Barcelona ou Sevilla. O seu próximo reto, lograr mecanizalo.

Montar nacementos non é unha actividade que se reproduza en todos os centros educativos, pero aqueles que deciden facelo adoitan buscar unha nota distintiva. Na localidade por excelencia do Nadal, Begonte, o Ceip Virxe do Corpiño non podía deixar de seguir a estela do electrónico, polo que para o seu belén este ano apostaron por recrear oficios antigos. Outro centro que tamén aposta por innovar é o Ceip Monseivane de Moreda, en Vilalba, que se o ano pasado seguía a temática medieval no seu belén, neste Nadal son os romanos os que rodean un portal artesanal, deseñado e elaborado no propio centro.

O espírito romano esténdese por todo o colexio xa que é a temática sobre a que están a traballar este curso en todas as aulas. Os alumnos, logo de recibir unha carta do emperador Octavio Augusto, tiveron que ambientar as súas clases ou investigar sobre o país ou sobre a lenda de Rómulo e Remo. E tamén darlle un toque romano ao belén, cun acueduto, a lexión ou vivendas típicas.

Realidade Cada ano hai exemplos de nacementos vivintes, aínda que a súa particularidade fai que sexan mostras efímeras Oficios O mundo labrego ou os oficios tradicionais están moi presentes nas distintas creacións que se deseñan na zona Romanos O Ceip Monseivane aproveitou o tema sobre o que traballan nas aulas este curso para deseñar o seu nacemento

Comentarios