No nome de Xoán Tilve, gaiteiro

Unha publicación de Óscar Ibáñez e Xavier Groba rescata a figura e o legado do último representante dun xeito de tocar en Galicia. No libro-disco inclúense gravacións orixinais realizadas por Filgueira Valverde e pezas do seu repertorio interpretadas coa súa gaita
Xoán Tilve (gaita) cos seus fillos Xoán (tambor) e Manuel (bombo) nos anos 40
photo_camera Xoán Tilve (gaita) cos seus fillos Xoán (tambor) e Manuel (bombo) nos anos 40

"O señor Xoán de Campañó, cos seus 76 anos ás costas, segue entrando con aquel señorío, en cada ano unha vez, pola porta da vila, da Boa Vila, para repenicar diante do Señor na súa gaita, a máis vella e sabida de toda a nosa terra", escóitase no inicio do disco que acompaña a publicación ‘Xoán Tilve, gaiteiro de Campañó’, de aCentral Folque. O que fala é Xosé Filgueira Valverde, o responsable primeiro de que este martes se coñeza a figura do músico pontevedrés. Óscar Ibáñez e Xavier Groba recolleron este ano o testemuño de Filgueira e publicaron un libro-disco sobre un dos últimos expoñentes dos gaiteiros finiseculares, referencia do toque pechado e mestre de Ricardo Portela, entre outras cousas.

"Deberían convivir as dúas gaitas, debería facerse un traballo de recuperación neste sentido"

"Eu cheguei precisamente á figura de Xoán Tilve a través do repertorio de Ricardo Portela, que se recoñece a si mesmo como continuador, seguidor e recuperador do toque pechado", conta Óscar Ibáñez, grande coñecedor do instrumento que empregaba o de Campañó e reivindicador deste xeito de tocar en Galicia.

Tilve, como Perfecto Feijoo, foi discípulo de Manuel Villanueva. "Porque non é que sexa mellor ou peor que a gaita actual o que xeito de tocar actual, simplemente ten unhas sonoridades distintas e unhas características diferenciais que a converten nun instrumento único, que só existe nesta zona concreta de Galicia. Deberían convivir as dúas gaitas, debería facerse un traballo de recuperación neste sentido".

Ibáñez sabe ben do que fala porque, entre outras cousas, el tocou unha gaita orixinal de Xoán Tilve, conservada pola familia, para interpretar as pezas do seu repertorio que aparecen no disco-libro. "Queriamos recuperar a Tilve en esencia, ofrecer unha visión deste gaiteiro que abrise unha fiestra ao que era a música tradicional galega de fins do século XIX e principios do XX", conta. "Para iso realizamos un traballo arduo de investigación no Museo de Pontevedra e coa familia do propio Tilve e rematamos incluíndo no disco, ademais das pezas que interpretamos en formato trío, o formato clásico da época, as gravacións orixinais que Filgueira fixo do gaiteiro nas festas do Corpus de 1947, as primeiras gravacións documentais de música galega que se realizan cunha fin concreta e intencionada".

DÍA DAS LETRAS. A historia de Xoán Tilve cobrou unha dimensión relevante no momento no que se cruza coa de Xosé Filgueira Valverde. O polígrafo, ao que este ano se lle adicou o Día das Letras Galegas, era un estudoso da música tradicional e un divulgador fundamental neste sentido. As gravacións que realizou de Xoán Tilve son fundamentais para entender a transcendencia do toque pechado en Galicia. "Por iso nos pareceu do máis apropiada a proposta de Carlos Valle de presentar o libro o día do aniversario do nacemento de Filgueira no Museo. Nada máis acaído".

Xoán Tilve naceu no lugar dos Carballiños (Campañó, Pontevedra) o 22 de xuño de 1872. "Medrou no medio rural alternando o legón co punteiro, como fixeron seus pais, Ignacio e Rosa, e como logo farían os seus fillos, e triunfou como gaiteiro urbano, ao chegar a se converter nun referente fundamental da tradición gaiteira pontevedresa do século XX", explícase no libro. "O gaiteiro de Campañó formou parte da paisaxe imprescindible das celebracións do Corpus e foi o protagonista das primeiras gravacións etnomusicolóxicas galegas, promovidas en 1947 por Xosé Filgueira Valverde. Verdadeira icona do toque pechado pontevedrés e símbolo do gaiteiro clásico e da enxebreza, Xoán Tilve serviu e serve de fonte de inspiración para gaiteiros e para todo tipo de músicos dende o seu tempo ata hoxe".

Comentarios