En medio del terror

DURANTE CINCO anos boa parte da miña vida xirou arredor de ‘O Mestre e Margarita’ de Mijail Bulgákov. É unha novela de tema fáustico -de aí a miña chegada a ela cando era investigador- que mesturaba sátira, novela histórica e unha historia de amor máxica e sen romantismos estúpidos. Miles de veces me pensei dicindo ‘Invisíbel’ e sobrevoando o Moscú dos anos trinta, de Stalin e o seu Terror, do comunismo e o Gulag, a capital dos fantoches e os burócratas.

A parte na que me convirto en meiga e saio voando creo que non se chegará a cumplir, pero a publicación de ‘Terror y utopía. Moscú en 1937’, obra de Karl Schlögel, pola editorial Acantilado si me permite achegarme moito mellor a esa cidade, conxelada nos seus intres máis dramáticos, aqueles nos que, como di o verso de Anna Ajmatova, as mulleres quedaban, como as viúvas dos streltsy, ouveando ao pé das torres do Kremlin. E a vostedes comigo, se deciden facerme caso na recomendación.

'Terror y utopía. Moscú en 1937', de Karl Schlögel Un estudo detido da historia amosa que todo periodo idealizado agocha a súa faciana máis escura. Pode que o lector desexase vivir na Roma imperial, pero non creo que lle gustase demasiado a vida dos escravos; ao mellor querería ser discípulo de Leonardo da Vinci, pero tería que ter coidado cos asesinatos en Florencia ou preocupación por non ser un servo da gleba; os tolos anos vinte en Europa poden atopar o seu anverso na fame de Limerick ou As Hurdes... Á inversa non sucede o mesmo: non coñezo ninguén que quixese vivir na URSS dos crimes propulsado por Stalin e o xefe da NKVD Nikolai Yezhov: o terror estaba alí e utopía é unha verba perigosa por culpa dese ‘u’ tan elusivo, que afasta tempo e espazo. A Ostalgie aquí non funciona.

A obra de Schlögel é un verdadeiro ‘tour de force’ narrativo e documental. Está estruturada en torno ao paradoxo terríbel provocado polo feito de que o desenvolvemento urbán, os rañaceos e a efervescencia cultural dos Eisenstein, Ilf e Petrov, Shostakovich ou a xa citada Ajmatova coincidise coa morte de centos de miles de persoas e actos asociados en posto de honra á historia universal da infamia coma os xuízos falsos protagonizados por ese sinistro persoeiro de apelido Vyshinski.

A estrutura que adopta o autor facilita o traballo do lector, cousa que se agradece en materia de certa profundidade e afastada no tempo. A estratexia elixida é a dun varrido por toda a sociedade, dende a cúpula do poder ata os deportistas ou aviadores pasando polos xornalistas ou empregados do censo, no que se contrapoñen de forma continua os avances da sociedade soviética (pouco discutibeis se un estuda por exemplo as obras de Orlando Figes) coa delación, o medo e, o máis dramático, a eliminación física de moitos dos que fixeran posibeis aqueles avances. Como sempre que se fala da época, capítulo especial merecen as descricións das construcións do Belomorkanal (que une o Mar Báltico e o Branco cunha lonxitude de 227 kilómetros) e o Canal de Moscú, con só 127 kilómetros pero cunha complexidade técnica moito mellor. Ambas obras custaron a vida de máis de 150.000 prisioneiros-escravos do Gulag.

Voulles contar unha intimidade da redacción de El Progreso: os compañeiros dun servidor teñen a ben facer mofa do tamaño das obras criticadas nesta sección. Por non facer excepción, a desta semana tamén se achega perigosamente ao milleiro de páxinas. Non ten un estilo que abafe o discreto lector, aínda que si defectos propios dunha escritura desarticulada como a referencia a acontecementos relatados polo miúdo como se fose a primeira vez que se citan. Pequenos fallos que se solventan con paciencia lectora e polos que, por sorte, ninguén desaparecerá no medio da noite, metido en negros furgóns, para acabar na Lubyanka, un deses lugares simbólicos: comezou sendo sé dunha compañía de seguros e rematou como o edificio máis alto de Moscova, segundo a chanza popular: dende o seu soto podíase ver Siberia.

Terror y utopía: Moscú en 1937
Karl Schlögel

Editorial Acantilado

Páxinas 1.008 Prezo 45 €

(Artículo publicado na edición impresa do 29 de novembro de 2014)

Comentarios