NO-DO

Volven os anos do NO-DO en La 2, na faixa case subterránea dos sábados á tarde. É curioso velo: moitas veces parece que as imaxes teiman en negar o que afirma a locución, coma se os fotogramas escacharan os adornos daquela prosa barroca e servil. Os camarógrafos eran excelentes. Ou igual é o tempo transcorrido, coa súa capa de verniz desmitificador, o que aclara o punto de vista. Revisitando ese arquivo do que fomos, agroma a saudade tanto como a anticipación: España perde as cores e vira a branco e negro.

Se hai un rexurdimento de duchas frías, censura informativa e aborto ilegal –Austeridade, Orde, Igrexa–, o NO-DO terá que volver ás pantallas do reino. Eu sospeito que a caída de espectadores dos informativos públicos, outrora referentes, non se debe tanto á mordaza política que denuncia a oposición como a todo o contrario: aínda se respira neles demasiada liberdade e pluralismo. Estes valores que difundidos en exceso levaron a xente a ocupar a rúa en hordas, acosar cargos electos e ameazar os alicerces da democracia. Só un xornalismo sensato e á altura dos tempos pode aplacar tanto odio.

Aquelas proclamas de Franco sobre as bondades da cooperación entre clases –en plenos 60, cando a industria e a minería paraban as máquinas– entroncan en espírito e prosa co mantra actual do “paciencia, paciencia”, con aqueloutro de que “o país sácano adiante os que non se manifestan”; por suposto, coa confianza debida a un Goberno que fai o que debe “custe o que custe”.

Comentarios