No centenario de Del Riego

O PASADO 7 de xaneiro cumpríronse cen anos do nacimento de Francisco Fernández del Riego. E a finais do mes de novembro do 2012 dous da sua morte. Daquela tivemos ocasión de lembralo desde esta mesma columna, rememorando algúns retallos da nosa lembranza, xa que tivemos ocasión de tratalo desde os anos aqueles da nosa adolescencia e da sua activa e bulidora madureza. Realmente foi unha sorte, quizais un azar, pero tamén unha necesidade, se nos disculpan a tópica paráfrase, contactar con moitas das figuras de anteriores xeracións, particularmente daquela tronzada pola guerra civil. Tanto o sistema educativo como o enxoito ambiente cultural, represivo e ermo do franquismo terminal, eran mais ben unha rémora para sermos quen de asomarnos ao país e á sua cultura. Quen hoxe repase as suas biografías saberá de cárceres, de exilios exteriores e interiores, de ostracismo en suma Moitas veces temos pènsado como axeitados para estes homes ‘assinalados’, os versos do mellor poeta da nosa estirpe, que dixo Castelao: «E em perigos e guerras esforçados/mais do que prometia a força humana,/Novo Reino, que tanto sublimaran».

Don Paco era un sabio: infinda curiosidade, erudición que abranxía eidos moi variados e diversos, brillante oratoria e un carácter forte e firme nas convicións, pero cunha cordialidade aberta e contaxiosa. Iso aparte de ser un activo e esforzado traballador: aparte da obra literaria, contribuiu a crear editoriais e institucións que trascendian o seu estricto obxectivo, alumeou o dia das letras galegas e chegou a dirixir a Real Academia Galega contribuindo decisivamente á sua transformación. E aparte de militar no vello Partido Galeguista, adscribiuse nos seus comezos ao Partido Socialista Galego, detalle que soe omitirse , quizais non somente por tratarse dunha pinga dentro dun inmenso perfil biográfico. Tiña unha prodixiosa memoria e resultaba unha persoa amable, simpática e accesible, lonxe de calquer afectación.

Falabamos do activismo e da memoria. Hai moito tempo, compoñendo nós un traballo sobre o grupo de Ribadeo do PG, atopou tempo para nos enviar algún retallo da prensa da época, ao tempo que lamentaba non dispor de máis para revisar as suas carpetas de retallos e apontamentos. E non houbo publicación da agrupación cultural local que non contase cun artículo seu, de Carballo Calero e de Ramón Piñeiro. E cando no ano 1981 se convocou un certame de narracións curtas, Del Riego presidiu o xurado.

Falamos con Fernández del Riego por derradeira vez no verán do ano 2008, primeiramente polo pracer de visitalo e, logo, na percura de dados en relación cunha pescuda sobre circunstancias de algúns persoeiros da emigración galega en Bos Aires, algo que coñecía. Tiña noventa e cinco anos e estaba moi queixoso pola sua saúde, sobre todo porque tiña dificuldades para ler, para moverse e, tamén, para celebrar o encontro cun xantar, como tantas outras veces no pasado e co remate seguro dun bon xaruto.

Comentarios