Nin sequera dez xustos

O CONTO TEN moito de catequese antiga e desatino moderno. Arrepentido estaba deus de ter creado a humanidade chea de corrupción onde medraba a cobiza, só importaba a especulación e adoraban ao becerro de ouro.

Onte como hoxe os deuses non andan con bromas e deciden arrasar con lume e xofre as cidades malvadas de Sodoma e Gomorra. Pero topa cun tal Abraham, no abrente bíblico, un patriarca que tiña un algo de feirante. E empeza o regateo. A historia sería ben coñecida se a cultura non se fora xibarizando ata descoñecer a mitoloxía grega e romana, tampouco sabemos da Biblia.

-Señor, vas destruír Sodoma, pero se houbera cincoenta xustos...

-Se hai cincoenta non destruirei a cidade.

-Han pagar xustos por pecadores? E se quedaran trinta entre tanto malvado?

-Se quedan trinta non mandarei o lume.

O regateo continúa e o habilísimo Abraham logra rebaixar ata dez. Pero ai, nin sequera dez xustos quedaban, así que o deus arrasou Sodoma.

Da catequese da antigüidade mítica a esta broma moderna. Que habilísimo regateador atopariamos hoxe? Que Abraham negociaría co deus para salvar do fume e do xofre, das dez pragas de Exipto, do diluvio universal a este país copado polos malvados, por dirixentes políticos sucios, por homes públicos para os que a única relixión é o becerro de ouro do neoliberalismo económico, onde os principais mandamentos son a especulación e a gañancia a toda costa, a humillacións dos pobres e a depredación do público, con tantas institucións prescindibles asolagadas pola corrupción, onde a economía de casino dirixe a acción política e a decencia produce gargalladas. Cada día un novo escándalo tapa aos anteriores e os estratos de suciedade política e económica amoréanse agachando o lixo baixo as alfombras.

Dos últimos que temos noticia no interminable rosario de falcatruadas que arroiban á xente de ben, son eses Ere andaluces. Ou o roubo masivo nos cursos de formación non impartidos pero ben cobrados por conselleiros, sindicatos e empresarios sambesugas do Boe, xusto en Andalucía onde o paro veda todo futuro. Ou esa costa levantina desde Alacant ata Castellón, pasando por Valencia, Murcia e Baleares, cuberta polo chapapote da corrupción que esterca maiorías absolutas. Pouco queda por dicir da hidra da Gürtel que afecta a tantos e castiga a tan poucos. Personaxes como Urdangarín e a infanta parviña ou o tal Bárcenas reflicten o peor de nós mesmos. Agora este Jordi Pujol, personaxe central na curta historia democrática, defraudador e trampulleiro padre da patria. O noso Pokemon que emporcalla Galicia enteira. As 86 tarxetas ‘black’ de cartos negros e conselleiros de moral distraída, e só e a punta do iceberg. Señor... e se quedaran dez xustos?

Pero nin sequera dez quedaban mentres o lume da crise abrasaba a todos.

Comentarios