''Nesta zona hai moito talento e débese aproveitar para organizar eventos de interese''

Roberto Martínez.
photo_camera Roberto Martínez.

O colectivo cultural Sonda Norte naceu en Ribadeo para aglutinar as inquietudes artísticas da cidadanía e poñelas ó servizo da programación cultural da vila.


é o creador do logotipo co que se dará a coñecer Sonda Norte en todo aquelo que organice este colectivo de recente constitución e que será un revulsivo na vida cultural de Ribadeo, por aglutinar a toda aquela xente con inquietudes artísticas nos máis diversos eidos e poñer o seu labor voluntario ó servizo da dinamización social da zona. Ademais, o proxecto conta co respaldo do Concello. O deseñador gráfico, Roberto Martínez, asegura que había tempo que a localidade precisaba dalgo así.

Como valora a posta en marcha dun colectivo coma Sonda Norte?

Dun xeito moi positivo porque hai moito talento nesta localidade que se debería aproveitar, desde o eido musical, ó literario, pictórico e de todo tipo; xente disposta a traballar conxuntamente para deseñar eventos cos que darlle vida e pulo cultural a esta vila. Era algo moi agardado e hai anos que se tiña falado de constituir algunha plataforma para coordinar a tódolos que quixeran facer cousas. Por exemplo, sempre houbo ‘jam sessions’ musicais, pero deste xeito pódense organizar cunha periodicidade ou cun senso común. O novidoso é que xente que fai distintas cousas, poderá unirse e organizar por exemplo, un festival para o vindeiro verán.

Fuches o creador do logotipo da asociación, que representa?

A imaxe céntrase nun cerebro que representa as ideas e a creatividade, pero é un cerebro en forma de corazón, porque este é o auténtico motor que impulsa esas ideas. Esteticamente propúxenme deseñar unha representación xuvenil.

Que experiencia tes como deseñador gráfico?

Formeime como deseñador gráfico na escola Ramón Falcón de Lugo, cheguei montar unha empresa propia en 2001 con Iván García e que tiña sede en Ribadeo e agora traballo nun negocio local de artes gráficas. Tamén compaxino este labor co da música, xa que son integrante dos grupos ribadenses Remakers e Mallory.

Cal é o calendario programado por Sonda Norte polo de agora?

O máis inminente, a presentación de Sonda Norte TV e da páxina web, que en principio vai ser www.sondanorte.ribadeo.org; por certo que agora a xente que queira pode contactar coa asociación no correo electrónico [email protected]. En abril, está previsto presentar os videoclips dos grupos musicais Cos e Voodoo Crow e en maio, organizar co centro de información á muller, un caderno poético e fotográfico.

E que se vai facer de cara ó verán?

Un espectáculo de danza en xuño; un concerto en xullo; unha exposición do rock ribadense e unha xornada audiovisual en agosto; todo feito polos integrantes da asociación e os que se sumen.

Comentarios