Navia será el epicentro gastronómico de la montaña durante el fin de semana

A Feira da Androlla é unha das citas gastronómicas de referencia no inverno lucense. Como é habitual dende fai xa máis de dúas décadas, o domingo anterior ao martes de Carnaval, a localidade lucense de Navia de Suarna vístese de festa para acoller centos de visitantes atraídos polas bondades gastronómicas da androlla.

A posibilidade de degustar gratuitamente este saboroso produto, elaborado con mestura de costela e coiros, convenientemente adobados e embutidos no intestino groso do porco ou da vaca e posteriormente afumado e curado, é un dos principais reclamos deste evento, solidamente consolidado no calendario festivo da provincia.

Ás dez da mañá, un pasarrúas a cargo do grupo de gaitas de Verea (Ourense) será o encargado de recibir os primeiros visitantes á feira. Media hora máis tarde, procederase á apertura dos diferentes postos e darase como oficialmente inaugurada esta vixésimo terceira edición da Feira da Androlla.

Ás 13.00 horas terá lugar a degustación gratuíta deste produto na Praza da Vila. Repartiranse case 300 quilos de androlla con pan e viño. Ás 15.00 horas terá lugar o xantar oficial. A actividade continuará ata as 18.00 horas, coa actuación do grupo de gaitas, tralo que se procederá á clausura da feira.

O evento contará con máis de trinta postos, nos que non só se poderá mercar a típica androlla de Navia de Suarna, senón que tamén se ofrecerán outros produtos gastronómicos da zona como mel, pan, licores, queixos, etc. Os produtos artesáns feitos en madeira, coiro ou vidro tamén terán unha importante presenza.

Dende a organización do evento confíase é que o tempo acompañe, aínda que o poder de convocatoria da Feira da Androlla foise incrementando ano tras ano e, hoxe en día, «é unha data ineludible para moitas persoas, grupos de amigos e familias,» afirma o alcalde da vila, José Fernández Fernández.

O rexedor naviego é optimista coas previsóns para este ano, «a calidade do produto, o ambiente festivo que se respira durante toda a xornada e os atractivos que ofrece o propio Concello son uns excelentes reclamos e non só esperamos que se incremente o número de visitantes con relación a pasadas edicións, senón que estamos convencidos de que tamén haberá un maior volume de vendas», sinala.

Degustación

será gratuíta e nela repartiranse máis de 250 quilos de androlla

Comentarios