viernes. 05.06.2020 |
El tiempo
viernes. 05.06.2020
El tiempo

A natureza como reclamo para o visitante en Arxeriz

Dous carballos centenarios coroan a entrada ao ecomuseo
Dous carballos centenarios coroan a entrada ao ecomuseo
A dirección do ecomuseo planifica para este ano unha ruta polo seu bosque para divulgar a vexetación típica da Ribeira Sacra

A primeira recepción aos visitantes do ecomuseo de Arxeriz fana dous grandes carballos centenarios. Cada un deles ten arredor de 200 anos. Aínda que non chegan aos 300 e 400 (impoñentes pola antigüidade e o grosor do seu tronco) dos seus dous irmáns maiores, levantados na finca ubicada por detrás das edificacións tradicionais que compoñen o museo, impresionan polo seu tempo e a súa altura.

É coma se anticiparan o que están a piques de atoparse os visitantes do ecomuseo de Arxeriz. A súa dirección decidiu que o 2017 sería o ano no que o bosque situado a escasos metros pasaría a formar parte do espazo museístico por medio dunha ruta a través dos seus camiños. Deste xeito, tódalas persoas que se acheguen ata o ecomuseo poderán coñecer máis a fondo a vexetación típica que pode verse ao longo e ancho da Ribeira Sacra. Cada exemplar vai dispor dun panel con información complementaria sobre as súas características máis importantes.


Repoboación
Nos anos 90, o ecomuseo de Arxeriz procedeu á repoboación dun bosque onde reinaban piñeiros e eucaliptos desde os 60

Antigüidade
Algúns dos carballos situados na entrada do ecomuseo son centenarios, un deles acada os 400 anos de existencia


O ecomuseo de Arxeriz conta con 35 hectáreas de bosque, das cales 25 están poboadas por árbores autóctonas. Carballos (tanto galegos coma norteamericanos) e castiñeiros son os reis do lugar. A súa plantación foi importante para substituir a inmensa cantidade de piñeiros e eucaliptos instalados alí nos anos 60. Coa entrada da década dos 90, repobouse o bosque de tal xeito que hoxe en día só quedan uns 20 eucaliptos dos miles que había inicialmente.

Pero non só de carballos e castiñeiros se compón o espazo natural do ecomuseo de Arxeriz. Nel tamén hai freixos, salgueiros, sobreiras, abelairas, bidueiras, cedros ou acivros. A introdución de todas estas novas especies contribuirá a crear no visitante unha grata sensación de estar a pasear por un bosque da Ribeira Sacra coa meta de coñecer o que pode atoparse no interior dun deles. O futuro percorrido entre árbores e arbustos da zona será duns tres kilómetros.

Aínda que xa son máis de cen as especies vexetais autóctonas e foráneas que habitan o entorno natural do ecomuseo de Arxeriz, a dirección ten previsto continuar coa repoboación. Por exemplo, coa plantación dunhas 20 sobreiras que se sumen ás cinco coas que contan actualmente.

Os piñeiros tamén forman parte da importante colección de especies autóctonas das que poden gozar no ecomuseo de Arxeriz. Hai moitos tipos destes exemplares. Piñeiro manso, galego ou piñoneiro son só algúns deles. Entre as especies foráneas que conviven coas autóctonas, poderían destacarse os arces xapónicos, de folla caducifolia, situados na propia entrada do ecomuseo. A procedencia dalgunha destas especies é moi exótica.

Esta especie de salón natural e vexetal complementará este ano o ecomuseo de Arxeriz coma unha sala máis do complexo. Todo comeza por unha carballeira que se amplía cara un bosque que pode verse ao lonxe, agás nos días de néboa. A Ribeira Sacra é o marco ao que se lle pretende rendir tributo por medio da natureza.

A natureza como reclamo para o visitante en Arxeriz
Comentarios