Nas vésperas do cambio americano

ESCRIBO este artigo nas vésperas dun cambio que agardo con esperanza, pero tamén con realismo.

A miña esperanza está depositada en parte en Obama e na outra, na necesidade de superar estes oito anos de Bush, pola súa política exterior, reflectida nas guerras que provocou e no cárcere de Guantánamo e polo seu ultraliberalismo, coa desregulación dos mercados, culpable en gran medida da actual crise do sistema financeiro.

Confeso que en principio prefería a Hillary Clinton. Non tiña un discurso tan espectacular, pero coñecía do que falaba e contaba coa experiencia de estar preto do poder. As súas promesas de cambio eran menores, pero me parecían máis factibles de realizar.

Obama superouna nunha campaña longa, dura e interesante, na que Hillary pelexou ata o final. Obama venceuna cun discurso moi atractivo e ilusionante, con amplas promesas de cambio, baseado sobre todo en principios.

Precisamente a vaguedade da súa mensaxe, que se comprometía pouco cos problemas e as cuestións concretas, levoulle a unha situación complicada durante os meses de verán cando as enquisas dábanlle unha situación moi igualada con McCain.

Non foi ata logo de chegar aos peores tempos da crise financeira cando empezou o despegue de Obama, nun tema, o económico, que non era antes o asunto central e preferido de ambos candidatos. A torpeza dalgunha declaración de McCain, que afirmaba que as bases da economía eran sólidas cando estaba caendo un dos principais bancos americanos, xunto coa súa asociación co goberno Bush, por moito que el tratase de separarse, deu o empuxe final a Obama nunhas enquisas, que desexo confírmense mañá nas eleccións.

Pero observo tamén este cambio con realismo. Desgraciadamente vai quedar moi por detrás das promesas e iso vai sempre a defraudar, sobre todo aos máis novos, que se mobilizaron como nunca no seu apoio. Entendo que un candidato ten que ilusionar, ter ata certa dose de utopía, pero non afastarse tampouco moito da realidade e do tempo limitado de goberno que ten por diante. Por iso prefiro menos promesas, pero máis realistas e factibles de realizarse.

Oxalá me equivoque, pero creo que en parte tiña razón McCain cando atacaba este lado débil do candidato, da súa falta de experiencia, das súas posibles dificultades cando enfronte situacións complicadas e de que ao final pode quedar dominado polo establishment de Washington que prometía superar e desterrar.

Con este realismo, que xa me vai acompañando ao ir avanzando a miña idade, pero coa ilusión que manteño desde mozo por cambiar a un mundo mellor, que gañe Obama, que teña sorte, que non se deixe domesticar e que o faga ben.

Comentarios