martes. 10.12.2019 |
El tiempo
martes. 10.12.2019
El tiempo

Nada

Non entendo como unha enquisa a pais e nais no ámbito educativo que provoca un rexeitamento case unánime de sindicatos, universidades, psicólogos, directores, equipas de normalización lingüística, pedagogos, e anpas de centros públicos é levada a cabo turronamente en aras dunha suposta libre opción.

Non entendo por que se enarbora con tanta frivolidade a bandeira da liberdade cando esta só está garantida cando existe coñecemento. Por que, no despropósito pedagóxico de consultar a proxenitores sobre o currículo educativo, non inclúen tamén a física ou a xeografía?

Non entendo por que non se fala de datos nin se pregunta aos técnicos. Non entendo por que se cuestiona o alumnado galego cando, segundo diversos estudos oficiais, amosa un maior nivel de competencia en lingua castelá e inglesa ca noutras comunidades. Non entendo como, a estas alturas, aínda nos sobrevoa a sombra da segregación nas aulas.

Non entendo como hai quen pensa que restar é mellor que sumar. E moito menos a grande irresponsabilidade social e política de quen bota pola borda o traballo de décadas de profesionais –estes si- alimentando vellos prexuízos lingüísticos. Non entendo, en definitiva, que rédito electoral pretende obter quen, no canto de pontes, ergue muros.

Nada
Comentarios