Nada a cambio

Taquí // FOTO: Toño PargaTaquí, deportista

Hoxe vou contradicir a máxima do meu amigo Taquí de que ninguén lle debe nada, porque lle quero deber este recoñecemento público.

Tal vez pola súa condición de deportista sexa polo que convive mal coa lentitude e a burocracia, unha das presentacións máis formais do retraso na execución das ideas.

Deportista, no sentido máis nobre da palabra, é case un apelido no seu caso, posto que ademais de terse dedicado de forma exclusiva a esa actividade, é unha persoa comprometida coa práctica digna do deporte desde a base.

Hai quen di del que, ás veces, é un pouco pesimista. Eu máis ben creo que iso que adoitan chamar ‘pesimismo’ é unha particular forma de saudade.

É difícil resumir as súas calidades en catro trazos, mais se o tivera que facer destacaría del que é, sobre todo, un ser xeneroso, afectuoso e valente, e da experiencia que tiven ao traballar con el puiden comprobar que é unha das persoas máis resolutivas, audaces e coherentes que coñezo e coñecín na miña vida.

O Taquí é, tamén, un veciño, na acepción máis positiva do termo, pola súa humildade chea de dignidade, a súa solidariedade, o seu compromiso cidadán e o seu amor á terra á que pertence, no sentido máis amplo da expresión.

É un militante no exercicio da independencia persoal, bo conversador e magnífico anfitrión; para el a amizade é un dos principais valores, que coida e reivindica coa mesma intensidade coa que defende a coherencia e a xustiza, a igualdade e a non explotación en ningunha das súas múltiples formas, o que o converte, para min, nun ser sorprendente.

O Taquí é unha sorte de Tom Joad, na versión do seu benquerido Bruce Springsteen, que retrata na penúltima estrofa da canción: T. (permítaseme o xogo das iniciais) di: «Mai, onde haxa un policía zoupando a alguén; onde haxa un recén nacido e famento chorando; onde haxa unha loita contra o sangue e o odio que hai no aire, procúrame que alí estarei. Onde haxa alguén loitando por ter un lugar para vivir, ou por un traballo digno ou unha man amiga, onde haxa alguén que estea loitando por ser libre, míraos aos ollos mai, e alí me verás a min».

E neses ideais veredes ao Taquí, dou fe.

Comentarios