Nace O Portal das Palabras para difundir el léxico del gallego en la red

A Real Academia Galega (RAG) e a fundación Barrié crearon O Portal das Palabras, un novo espazo de difusión do léxico e a lexicografía do galego, activo dende este xoves na web www.portaldaspalabras.org

O portal ten un apartado léxico cun dicionario da RAG renovado e con contidos como ‘Palabras asinadas’, nos que un académico comenta un termo da súa preferencia; apartados de vídeos -‘Pregúntalle á Academia’ e ‘O mundo en palabras’-, así como o apartado ‘Xogos e Didáctica’, con propostas de EducaBarrié.

En canto ao dicionario electrónico, conta con versións para dispositivos móbiles de sistemas operativos Android ou iOS de Apple. O sistema funciona sen estar conectado, xa que leva un dicionario completo incorporado, e so precisa de 3G ou wifi para escoitar ou pronunciar os termos.

tablets. Os presidentes da Barrié e da RAG, José María Arias Mosquera e Xesús Alonso Montero, respectivamente, presentaron a iniciativa conxuntamente coas versións para móbiles e tablets do dicionario electrónico da RAG.

Ambas as actuacións son o resultado da colaboración das dúas institucións, dentro dun proceso de modernización da Real Academia Galega a cargo de técnicos do Seminario de Lexicografía da RAG, situado na sede da fundación Barrié dende mediados de 2012, e a Biblioteca da institución.

O presidente da RAG aproveitou para instar outras entidades e empresas a colaborar economicamente coa actividade da RAG e institucións similares que traballan no ámbito científico e literario. No caso da Barrié, recordou que a súa colaboración se estende a outros proxectos. Entre eles, destacou a publicación de ‘Clásicos da Academia’, do que saíu o primeiro tomo dedicado á obra en prosa de Manuel Antonio «e do que outros tomos están en preparación».

Na mesma liña, sinalou que a RAG está «en conversacións» coa fundación Barrié para comezar unha nova colección que «en principio se vai titular ‘Antoloxías da Academia’», apostilou.

O director da Barrié, Javier López, subliñou, sobre O Portal das Palabras, que a iniciativa busca «depositar o noso patrimonio» nos mozos. Por iso, engadiu que, aínda que a iniciativa «se dirixe a todo o mundo», se centra sobre todo neste colectivo.

O secretario da RAG, Henrique Monteagudo, destacou desta iniciativa a combinación da «investigación base, o desenvolvemento tecnolóxico e as aplicacións didácticas e divulgativas», dixo.

Comentarios