Na senda do jazz

p or via de dicionario improvisar é facer algo sen estudo previo; pero hai unha arte na que o substantivo improvisación non ten tal connotación negativa que é a música. Calquera que repare pola tona da sinxela afección na arte que se acobilla baixo a advocación de Santa Cecilia, sabe que se trata dunha prática moi antiga, propia dos organistas xa durante a idade media e, posteriormente, os adornos vocais non deixaban de ser unha improvisación, ainda que paseniñamente, moitos dos compositores determinaban con exactitude as variacións dos instrumentistas para evitar abusos. En fin, hoxe a improvisación é un dos elementos chave na música de jazz, como é sabido.

Hai relativamente poucas datas, unha enquisa acreditaba que o tópico que se nos apón aos galegos de seremos desconfiados, resultaba unha palpable realidade que en termos porcentuais acada o oitenta sobre cen para quen os seus semellantes non son de fiar. O certo é que neste tipo de cuestións polémicas, xurde normalmente a controversia e a defensa do orgullo propio en forma de alporizados desmentidos. Curiosamente nada disto houbo, o que quizais signifique que a maioria acredita no referido estudo. E tampouco nós estamos dispostos a discutilo, seguramente polas mesmas razóns que o resto dos conacionais. Pero o que si botamos de menos é a realización de algo semellante sobre a improvisación, alén da estrictamente musical. Estamos dispostos a calificar como ingrediente positivo da nosa personalidade colectiva a desconfianza, pero sen acceso a enquisas e cun limitado coñecemento empírico, a improvisación debe ser tamén consubstancial co mapa xenético colectivo do finisterre, ainda que con sublimacións destacadas nalgunhas minorias.

Quizais o exemplo máis notable, e ainda relativamente recente desa notable capacidade, sexa o ‘affaire’ do petroleiro ‘Prestige’, coa sua desmesurada derrota composta de voltas e reviravoltas, propostas de afundimento a bombazos e, ao cabo, unha terrorífica marea negra, inicialmente calificada de «hilillos», logo solidificados e con semellanzas coa plastilina, nada menos, sempre ao decir dun alto cargo ministerial daquela, e hoxe aspirante a presidir o executivo.

Ben é certo que en todas partes cocen fabas. Máis distante no tempo, e posiblemente ausente de moitas memorias, dado o andacio de amnesia común que nos asolaga, foi no comezo dos anos oitenta a enfermidade do lexionario, logo neumonía atípica e despois microplasma, ao que un ministro chamou «bichito» do que se coñecia o nome e o primeiro apelido pero non o segundo e que, ao cabo, resultou un envenenamento masivo por aceite de colza desnaturalizado.

O dito, ese estudo con enquisa incluída, non viría nada mal.

da capo

Comentarios