''Na primeira escola entrei chorando e saín chorando''

Carmen Iglesias, na aula (Foto: Toño Parga)
photo_camera Carmen Iglesias, na aula (Foto: Toño Parga)

Da pizarra e do pizarrillo a internet, a comparación é o reflexo do que cambiou o mundo da ensinanza no último medio século. Cambios dos que foi testemuña directa Carmen Iglesias, mestra dende hai 45 anos que agora exerce no Ceip Monforte, coñecido coma colexio Novo.

as protagonistas desta páxina son, en realidade, seis persoas. Seis mestras dos seis centros escolares de Monforte que esta noite, como representantes do colectivo, reciben unha homenaxe do Centro de Información á Muller de Monforte con motivo do Día Internacional da Muller Traballadora. Elas son Enyd Fernández López, do colexio Ferroviario; María Ánxeles Lourenzana, que estivo vinculada á Gándara; María del Carmen Iglesias, do Novo; Raquel Vidal, de Torre de Lemos; Rexina Rivera, dos Escolapios; e Carmen Fernández, do Infanta Elena. Carmen Iglesias, de Marrube (no Saviñao), é unha das que leva máis anos en activo e recupera nestas liñas as súas vivencias.

Por que elixiu ser mestra?

Nun primeiro momento foi porque na miña xuventude unha das carreiras máis accesibles para as mulleres era a de mestra. Pero no momento que comecei a estudar xa se converteu nunha vocación e na actualidade son mestra de vocación.

Como foi o traballo na súa primeira escola?

Acabei a carreira e aprobei as oposicións con vinte anos e con esa idade o meu primeiro destino foi unha aldea da Fonsagrada que se chama Louterio. Era unha escola unitaria que quedaba da miña casa a máis dun día de camiño, porque che falo de fai 45 anos, e eu pasaba en Louterio todo o ano. Só viña cando había vacacións longas. Era unha escola mixta, con nenos de 6 a 14 anos.

Esquece unha esa primeira experiencia?

Nunca. Teño dous recordos da primera escola. Por un lado unha lembranza da impotencia de verme diante de 18 nenos de todas as idades e sendo consciente de que moitas das cousas teóricas que viña de estudar non se axustaban a aquela realidade. Era eu soa para aquilo. E, por outra banda, teño o recordo do trato tan marabilloso que me ofreceron aquelas familias e os veciños daquel pobo.

O que ó primeiro semellaba difícil voltouse máis sinxelo.

En Louterio podo dicir que entrei chorando de medo, de medo pola situación e porque pensei que ía ata morrer de fame, e saín chorando de pena por deixar aquela xente.

Que veu despois?

O meu segundo destino foi Bustofrío, en Lóuzara, Samos. Alí estiven cinco anos e os recordos tamén son únicos. Era outra escola unitaria e, coma no caso anterior, unha era mestra pero facía un pouco de todo. Falo de anos nos que nas aldeas apenas había servizos, apenas se entraba cun carro de bois e as mestras eran un pouco a referencia, o espello no que mirarse. Tanto dabas clase coma arranxabas algo ou axudabas a unha nai a coidar un bebé.. E mira que podía saber eu dun recén nacido, pero facías de todo!

Recorda unha sempre os seus primeiros alumnos?

Eu creo que sí. Fai uns anos estaba na casa e alguén chamou por teléfono preguntando por min. Era un rapaz que se chama José Germán e que fora alumno meu en Bustofrío, foi quen de localizarme e veu visitarme. Dende aquelas todos os anos él volta a Bustofrío para abrir a casa familiar e comer todos xuntos alí.

Igual é que vostede marcou a vida daquel rapaz.

Era o que che dicía antes de que a mestra se implicaba co pobo. Recordo que naqueles tempos nos que non había recursos eu lles axudara co tema da Primeira Comuñón, pedira uns traxes e recordo que lles fixen unha foto cunha cámara que me trouxera o meu pai de Alemaña, que aquí non había tal cousa. A verdade é que foi algo moi emotivo que José Germán me atopara e recuperar a relación.

Imaxino que non sería sinxela a marcha de Bustofrío.

Son circunstancias da vida. Eu estaba moi ben alí pero tamén tiña dúas fillas é quería achegarme máis á casa para estar con elas.

Nos tempos das escolas unitarias non sempre os pais estaban dispostos a que os nenos fosen á escola. Tamén había que traballar na casa.

Eu nunca tiven especial absentismo. Os nenos viñan con regularidade e nalgún caso no que había unha tarefa que requería man de obra, coma no caso de Lóuzara na época do castañal, pois tamén se tentaba dar a clase despois do traballo. Os pais sempre querían que os nenos cando menos aprenderan a ler e as catro regras.

En certo xeito os mestres tamén condicionaban o futuro dos alumnos porque podían animalos a seguir estudando.

Eu non podo falar por todos os compañeiros. No meu caso, por exemplo en Bustofrío, animei a varias alumnas a facer o ingreso en Bachiller. Fun con elas facer o exame a aprobaron. Incluso nun caso había un pai que non podía financiar os estudos da súa filla e convencino para que a deixase marchar a Barcelona con unha irmá para formarse. Daqueles alumnos que tiven en Lóuzara sairon tres mestras, un oculista, dous cámaras de televisión e un profesor de instituto.

Pouco a pouco foise achegando a Monforte.

Pasei por outra escola unitaria de Canabal. Alí había unha escola para nenas e outra para nenos. Cando se fixo o grupo escolar en Sober tocoume marchar para O Barqueiro e como era complicado achegarse aquí fixen mestra de Infantil pola Uned. Con iso viñen para a escola de Piñeira, despois para o colexio de San Antonio de Monforte, e acabei aquí, no Ceip de Monforte. En Infantil ó prinmeiro, e agora en Primaria.

Tivo que cambiar moito o conto dende as escolas unitarias ata o de agora.

Para ben e para mal. Do lado bo están os recursos que hai agora. Da pizarra e do pizarrillo que tiñamos ou daquelas enciclopedias como única referencia para consultar calquera dúbida, ó internet e ás novas tecnoloxías de hoxe.

E o menos bo?

Se cadra se bota de menos aquela relación tan directa cos nenos, co seu entorno e cos pais.

Como é iso agora?

Hai relación e comunicación continua cos pais pero cambiou o escenario xeral e non é exactamente o mesmo.

Fai balance positivo?

Fago, non me arrepinto da profesión escollida.

Anécdota

Hai uns anos un dos meus primeiros alumnos logrou localizarme e veu visitarme a Monforte».

Retos

Sempre tratei con pais que cando menos se preocupaban de que os seus fillos aprenderan a ler e as catro regras».

DE PRETO

«Nisto hai cousas boas e malas, pero priman as boas»

Xubilase a finais de curso, unha decisión forzosa ou por vontade propia?

Cumplo 65. Eu estou moi contenta co camiño que elexín e coa docencia. Desfruto cos nenos, pero levo 45 anos nisto e tamén creo que é hora de descansar.

Xa ten plans para esa xubilación?

Gustaríame seguir vinculada a este mundo con cousas puntuais, facer algo de vez en cando, iso non o descarto. Pero tamén quero viaxar e adicarlle un pouco de tempo á miña neta.

Ten dúas fillas, como levaron elas o de que mamá fose mestra?

Creo que nunca tiveron maior problema. Tamén che digo que sempre dixeron que non ían ter nada que ver coa docencia e unha delas dá clase na Universidade, así que nunca se pode dicir nada.

Que lle diría ós futuros mestres?

Que nesta profesión, coma en todas, hai cousas malas e boas, pero que aquí son moitas máis as alegrías ca os desgustos. Que os bos momentos son os que quedan sempre.

Contenta coa homenaxe?

É unha homenaxe ó gremio das mestras como mulleres traballadoras. Nós somos traballadoras, pero hai mulleres traballadoras noutros moitos sectores.

Comentarios