Na preamar

HAI UNHAS semanas, aludiamos aquí ao discurso que o dia 24 de maio de 1940 pronunciou o rei Xorxe VI da Gran Bretaña, aclarando que o dado non o tomamos da sonada película, senón dun traballo de John Lukacs publicado na sua edición española hai unha ducia de anos. Un atento lector dime que non sabía que o liderado de Winston Churchill, naquela altura, fose ainda motivo de discusión e de algunhas importantes retesias, e sen embargo ese é, mesmamente, o motivo do libro en cuestión: ‘Cinco días en Londres, maio de 1940’. Esta caste de asuntos levan implícito un neboeiro que tarda en esvaerse. No caso aludido, cando menos até que se liberou o segredo dos arquivos oficiais, ainda que a análise é moito mais completa, e inclue unha documentada paseata pola prensa de aqueles malfadados dias. Naturalmente é indispensable que alguén se dedique a investigar.

Nalgunha ocasión, temos reflexionado sobre esa especie de preamar dos acontecimentos e, dentro deles, o papel que xogan os liderados neses momentos críticos e decisivos. Pensemos no noso país e concretamente no caso de Alexandre Bóveda, coa sua dose de dramatismo nun momento de verdadeiro terror. Mais desde o ángulo ao que nos referimos, o máis engaiolante, e ainda non completamente investigado, é o perfil biográfico de Castelao que ofrece moitas máis posibilidades de estudo, despois de tantos anos de exaltación apaixoada e, ás veces, desorbitada. Hoxe, sábese moito máis, ainda que se notan nalgunhas aproximacións os prexuizos e as pposturas apriorísticas, Segundo conveña, utilizanse torticeiramente os dados: por poñer un ejemplo de frecuente omisión: ‘A Nosa Terra’ na época do exilio bonaerense, e como órgano da Irmandade Galega que lideraba Castelao, chegou a insertar novas e análises tan fantasiosas e desnortadas, como asegurar que estaban pouco menos que invadindo o campo do nemigo, cando este era o franquismo; xa sen entrar nun reiterado e socorrido recurso como o de converter en trascendentais acontecimentos o que non eran mais que minucias do exilio.

Pero quizais a etapa máis relevante é o período no que o deputado galeguista permanece en París, como ministro do goberno presidido por José Giral. Determinados comentaristas, deron en orillar referencias fundamentais, porque nalgúns casos o que interesaba era presentar como nefasto o importante papel de Ramón Piñeiro. Do nesno xeito, caberia falar da relación do rianxeiro co comunista Luis Soto, así como do papel desempeñado por figuras destacadas da emigración como foi o caso de Manuel Puente, Rodolfo Prada e outros moitos.

O mundo da emigración galega en América e, concretamemnte, en Buenos Aires, era unha verdadeira abelleira, xusto o termo co que o propio Castelao se referiu ás Cortes republicanas antes da guerra.

Comentarios