Na loita contra os incendios

As comarcas da Terra Chá, Meira e As Pontes suman un total de 89 brigadistas

A praga de incendios que este verán está a asolar Galicia e boa parte de Portugal parece que dá un respiro aos montes da comarca chairega, das Pontes e de Meira, pois suman poucos casos dende que comezou a tempada estival, aínda que algúns din que «aquí o peor acostuma a ser no mes de setembro».

Niso coinciden todos aqueles que dende comezos de agosto están dedicandolle o seu tempo á prevención e á loita contra os lumes, cando os hai. En total, veñen sumando 89 brigadistas espallados por cada un dos concellos que conforman as xa mencionadas comarcas.

Durante tres meses -ata o 31 de outubro ou comezos de novembro-, en quendas de mañá, tarde ou noite, o seu traballo consistirá na limpeza de vías e terreos municipais, así como fincas de titularidade descoñecida en estado de abandono, coa fin de facelos accesibles en caso de necesidade. Dependendo do municipio, existe unha determinada cantidade de superficie que obrigatoriamente se deberá limpar, fixadas no convenio asinado polos concellos e a Consellería de Medio Rural. Así, a maioría móvense pola vintena de hectáreas aínda que algúns, como Vilalba, chegan ás 30.F

Financiamento. A Consellería de Medio Rural, coa participación do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), é a encargada de afrontar unha boa parte dos custos deste servicio, aínda que cada un dos concellos se fai cargo directamente dos materiais necesarios para levar a cabo as tarefas de limpeza, da roupa de seguridade ou das contratacións.

O distrito da Terra Chá viu reducido nalgúns dos seus concellos o número de traballadores, de seis a cinco, como aconteceu en Castro de Rei, Guitiriz e Xermade. Nestes lugares «hai que garantir o cumprimento do traballo adxudicado, aínda que cunha persoa menos», apuntan dende os consistorios. Pola súa parte, en Pol reduciuse de seis a tres brigadistas-que son condutores de motobomba- e en Meira pasaron de cinco a tres.

Outros manteñen a cantidade de efectivos con respecto a anos anteriores. É o caso da Pastoriza, Cospeito -que a maiores ten tres condutores de motobomba-, Muras e Ribeira de Piquín, os cales contan cun xefe de brigada, un peón condutor e tres peóns. Pola súa parte, Begonte é dos poucos en sumar dous grupos de brigadistas -un total de dez traballadores-, de igual maneira que en 2015 e da mesma forma que nas Pontes -pertencente ao distrito do norte da Coruña-, aínda que neste se suman tres persoas que se dedican ao traballo coa motobomba.

Vilalba e Abadín tamén ven garantida a súa seguridade ante posibles lumes con dúas cuadrillas. Ambos aumentaron o número de persoal: na capital chairega, de oito a doce, e no municipio abadinés, de seis a dez.

Como principais labores, os integrantes das brigadas teñen a extinción de lumes e a limpeza dos terreos e camiños

Tarefas. O seu labor, preventivo fundamentalmente xa que este ano poucos lugares da zona se viron afectados por incendios, céntrase na limpeza da maleza que invade os camiños de titularidade municipal, con especial atención a aqueles que se sitúan preto de núcleos urbanos ou de intensa actividade, como poden ser polígonos industriais e proximidades a casas e explotacións gandeiras.

Os rexedores dos 13 municipios da zona amósanse «moi satisfeitos co traballo que están a realizar as brigadas contraincendios, xa que nos encontramos nas súas mans en caso de haber unha catástrofe como pode ser un lume». Ademais, o feito de ser, habitualmente, persoal local e que coñece a zona sobre a que se moven permite «unha maior rapidez en caso de ser necesaria e que sexan dos primeiros en chegar se houbese calquera problema», afirman dende os concellos.

En calquera caso, son traballos que contribúen a manter unha boa parte dos montes limpos, aínda que hai quen matiza que «estas tarefas deberían estenderse ao resto do ano para que, cando chega o verán, non haxa apuros». Polo momento está a ser unha tempada tranquila, tanto que nalgúns casos aínda non se viron obrigados a prestar a súa axuda en ningún incidente, mentres que noutros tan só interviron nun ou dous pequenos lumes.

Comentarios