"Na elección non houbo maletín ningún nin sobre"

O rexedor ourolés tómalle o pulso á realidade municipal ao tempo que non deixa de recibir felicitacións dos seus veciños nestes primeiros días de andaina.
José Luis Pajón
photo_camera José Luis Pajón

O novo mandatario ourolés está tomando terra e solventando coa maior axilidade posible as solicitudes veciñais e trámites que xurden, ademais de poñerse ao día co funcionamento do Concello.

Atopouse con moito traballo á súa chegada ao concello?

Bastante. Hai expedientes que teñen que estar listos para o vindeiro día 30. Temos que contratar a dúas persoas para servizos sociais e os socorristas para a piscina, ademais de rematar varios asfaltados. Necesito sacar isto adiante porque temos que cumprir cos prazos. Tamén falei cos traballadores.

Que tal lle foi cos empregados?

Ben. Non veño en plan dictador, quero que haxa bon rollo, porque habendo boa sintonía se traballa mellor e se rinde máis. Hai que irse integrando. Se vexo que hai unha cousa que se pode mellorar, farase ese cambio.

Canto tempo se dá para iso?

Non estou agora para tomar decisións, tomarei o tempo que necesite para acertar e facer as cousas ben, non quero precipitarme. Seguro que hai cousas que non será necesario cambiar.

Xa fixo algunha xestión?

Non me deu tempo a moito, fun ver unha obra coa técnico municipal e atendín a chamada dunha señora que lle fixeran unha reparación mal nun acceso a unha vivenda. Hoxe -por onte- tamén teño o acto de fin do curso escolar no colexio, onde os nenos van representar unha obra de teatro.

Como se sentiu ao saír alcalde?

Contento, porque estaba con aquela inquedanza, xa que os rumores eran de que habería unha abstención e pensaba que podía haber unha segunda volta. Por iso, sentínme aliviado, pero estaba moi nervioso e cando saín aínda me puxen máis, un pouco pola responsabilidade de que adquires.Aínda cos compañeiros diante, me temblaba un pouco o pulso ao coller os papeis.

Recibiu moitas felicitacións?

Chamaron da executiva provincial para dar a noraboa e teño un correo do presidente da Deputación. Onte tamén me chamou unha prima que teño en Madrid e veciños que están fóra, un que vive en Mallorca e outro en Avilés. Había moita xente ilusionada con que se producira o cambio, pero poden estar tranquilos que aquí non vai haber ningunha revolución bolchevique.

Ofrecéronlle algo á concelleira do PP para que apoiase a súa investidura?

Non falamos con ela nin lle ofrecemos nada. Nin se me ocurriu. Podía ofrecerlle un posto no goberno, pero tampouco. Non houbo maletín ningún nin sobre tampouco. Para nós foi unha sorpresa.

Vai falar con ela?

Falaremos nos vindeiros días.

Cales son os seus obxectivos fundamentais?

Traballaremos para mellorar os servizos e facer as obras que necesitan os veciños. Non se trata de facer obras faraónicas, que logo non se poden aproveitar e teñen un alto custe para o seu mantemento.

O concello despobouse nos últimos anos, pensa que aínda ten futuro?

Pode ter futuro, fan falla medidas para que xente nova se quede a vivir aquí, axudas para a restauración de vivendas ou para os proxectos. Temos que dar servizos, senón é normal que se marchen. Trataremos de atraer mozos e de fixar poboación aquí. Tamén intentaremos poñer en marcha o polígono industrial coa venda das parcelas aínda que sexa a un prezo simbólico para que se instalen empresas e se cree emprego.

Comentarios