Na aba do Gaiás

A TARDÍA paralización das obras da Cidade da Cultura volve carrexar até a nosa memoria todos os momentos vividos desde a orixe e concepción do descomunal proxecto, até o inicio das obras e os numerosos cambios na orientación e destino dos diferentes espazos do complexo. Pero se xa os comezos foron polémicos, pois que se trataba dun neboeiro mais que unha idea concreta, adobiada iso si con moita propaganda, protagonizada polo conselleiro responsable de Cultura -aquel que entre outras moitas, acuñou a sonada frase de que «aquí hai cultura para dar e tomar»-, o remate non vai quedar exento de discusións e tirapuxas, a primeira delas xa sinalada : a rectificación faise a destempo. Ao longo destes anos, formuláronse iniciativas tendentes a deter esa especie de pirámide, e dedicar a ainda incipiente construción a sé da Xunta de Galiza. Pero en principio a man e logo a sombra do presidente señor Fraga, impediron considerar esta e outras posibilidades plausibles. Resultan moi aleccionadoras para os seus siareiros, as palabras do actual presidente decindo que van aforrar moitos cartos, pero hai que alegar contra a memoria dos peixes, que desde o comezo houbo ducias de advertencias, en sé parlamentar, sobre as previsions orzamentarias e os gastos de mantemento, que sempre foron despachadas como simples anécdotas, atribuidas á teimosía dunha oposición renarte e ciumenta da acción do goberno naquel tempo, e das suas glorias futuras, para as que se ía erguer a fastuosa construción. En fin de contas, houbo un arcebispo que prantou fronte á Catedral o soberbo pazo neoclásico que leva o seu nome, da autoria do francés Lemaur.

Lembro perfectamente as hiperbólicas afirmacións do conselleiro antes aludido, e a insistencia en que se trataba dun proxecto avalado pola opinión dunha amplísima comisión de técnicos e expertos en todas as especialidades culturais e artísticas, que encherian de substancia os espectaculares contedores que deseñara o sonado arquitecto norteamericano Peter Eisenman. E, concretamente, un reto que lle formulamos desde a tribuna parlamentar: retirariamos a iniciativa que estábamos discutindo, no caso de que citara un só experto na concepción do Pazo da Ópera, que figuraba no primeiro dos proxectos, mais ou menos esbozados. Pero, por citar unha aliteración de manual, «En el silencio sólo se escuchaba un susurro de abejas que sonaba», en verbas de Garcilaso de la Vega. E nen iso, porque os corifeus habituais non destacaban precisamente polos marmurios, senón máis ben polas sonroras adesións inquebrantables, baixo a éxida e a atenta mirada do presidente de todos os galegos, e tamén o noso, como non se cansaba de repetir outro dos rutilantes cabezaleiros de aquel ‘gobiernin’, que dirian os nosos veciños de alén da ría de Navia.

Os episodios de amnesia histórica son bastante frecuentes no noso país, até o ponto de que mesmo houbo que promulgar unha lei ao respeito. Naturalmente a etioloxía é moi variada, e sen que nós sexamos expertos na materia, o recurso á hemeroteca, pode producir beneficiosos efectos salutíferos, ao obxecto de que non se produza un verdadeiro andacio. Tómese esta entrega como unha pílora, apenas.

Comentarios