lunes. 19.08.2019 |
El tiempo
lunes. 19.08.2019
El tiempo

La música vive en las tabernas

Corenta e Chinco Boys e Lucecús Ribeiraos interpretan unha peza no bar A Sesta de Monforte.
Corenta e Chinco Boys e Lucecús Ribeiraos interpretan unha peza no bar A Sesta de Monforte.
A cidade do Cabe acolleu o primeiro festival de cantos tradicionais, no que cinco grupos actuaron durante máis de seis horas

Os cantos de taberna están en auxe nun afán por pór en valor unha das tradicións case perdidas das vilas galegas. Cada vez son máis os eventos desta natureza que se celebran na Ribeira Sacra. Chantada, Taboada e A Pobra do Brollón tiveron concursos de cantos de taberna en varias ocasións e agora tamén Monforte pode presumir.

A música popular, as cantigas tradicionais e as ganas de festa son os tres requisitos que levan a moitos amantes, que non profesionais, da cultura galega a animarse a manter a tradición dos cantos de taberna. Os Galochas, formado por membros da asociación Amigos da Pandeirera; Lucecús Ribeiraos, do Saviñao; Corenta e Chinco Boys, da Pobra do Brollón; Como Queirades e Al Tuntún! foron os cinco grupos encargados de pór música na decena de establecementos que se uniron á primeira edición do certame de cantos de taberna monfortino.

Pandeiretas de todos os tipos e cores, gaitas, tamboriles, bombos, cunchas, acordeóns e voces chegadas á cidade dende diversos puntos da Ribeira Sacra entonaron cantigas populares, habaneras e coplas ‘evolucionadas’. Algúns grupos contaban cun repertorio tradicional, mentres que outros innovaron as letras máis populares achegándolle un matiz acedo e crítico.

A tarde calorosa empurrou aos monfortinos a interactuar e foron moitos os que se animaron a botar ‘un agarrado’ ao son da música en vivo, e tamén houbo tempo para as muiñeiras e as xotas improvisadas en bares ateigados. A música espertou durante máis de seis horas en toda a cidade, dende a Rúa de San Pedro á Rúa de Carude.

Todos os grupos tocaron e cantaron varias pezas no Anchoas, A Troula, A Adega do Carlos, O Miudiño, A Sesta, MC, Burger Majmel, Bar Kelly, Enjoy Holiday e Los Goya para, ao rematar o percorrido, reunirse no Centro do Viño, onde tivo lugar unha longa foliada na que participaron todos os músicos.

Os cantos de taberna son contaxiosos e enganchan. É frecuente que nestes encontros os membros dos grupos se mesturen e interpreten pezas en conxunto por ser temas populares e coñecidos por todos ou tamén polo afán de compartir a ledicia a través de improvisacións. Ás veces semella que as pezas non teñen fin porque se van sacando coplas e máis coplas tras cada retrouso.

A música vive nas tabernas e o anhelo de transmitila e que esta permaneza habita nos músicos que puxeron banda sonora á cidade do Cabe.

O certame monfortino rematou cunha foliada no Centro do Viño na que participaron todos os músicos e cantareiras

La música vive en las tabernas
Comentarios