Música persoal para o mundo

A cantautora Cris Román, de raíces vilalbesas, ofrece este venres no auditorio da capital chairega un concerto que lle fai "especial ilusión", dentro da promoción do seu primeiro disco, ‘A cuentagotas’, e no que estreará "en exclusiva" catro novos temas.
Cris Román, nunha imaxe promocional do seu disco
photo_camera Cris Román, nunha imaxe promocional do seu disco

"A música sempre foi unha válvula de escape para min. Cando tiña unha emoción importante á que darlle saída sempre o facía a través dela", asegura Cristina Gómez Román, coñecida artísticamente como Cris Román. Pero pouco podía imaxinar aquela nena que con nove anos compuxo a súa primeira canción, ‘La granja de mi abuela’, que o tema que lle serviu de desafogo aos 15 anos no seu primeiro desamor, ‘Cansada’, sería o elixido no seu debut discográfico en solitario para abrir o disco ‘A cuentagotas’, co que se atopa en plena promoción.

Cunha mestura de Vilalba e Abadín nas súas raíces, vilalbesa de nacemento por empecinamento do seu pai —estaba destinado por traballo nunha vila de León e colleu as vacacións para que ela nacera na capital chairega hai 31 anos, e así consta no seu DNI— e ribeirega e compostelá de adopción en distintas etapas da súa vida, Cris Román afronta este venres 16 un dos concertos máis especiais da súa curta pero intensa carreira profesional como cantautora. Será ás 20.30 horas no auditorio municipal Carmen Estévez, con entrada gratuíta.

"Nunca vivín en Vilalba, pero teño moita relación coa vila, xa que a miña avoa vive aquí. Vimos sempre que podemos e non perdemos un San Ramón, polo que traemos este concerto con moitas ganas e con moita ilusión de facelo aquí", recoñece a cantante chairega, que anima a xente a asistir a un recital que "vai ser moi emocionante e completo".


A actuación, de entrada libre e gratuíta, contará tamén con versións que "lle van traer á xente moi bos recordos"


Nel interpretará moitas cancións do disco, varias versións "que lle van traer á xente moi bos recordos" e catro temas inéditos que estreará "en exclusiva" en Vilalba. "Gravámolos hai unhas semanas e non tivemos unha ocasión especial para presentalos, así que que mellor lugar para estrealos", apunta.

Estará acompañada por outros catro músicos, que lle permitiron "cambiar para mellor" os temas que ela interpretaba só coa guitarra e que seleccionou para ‘A cuentagotas’. Moitos deles teñen detrás unha historia, a cal explica ao público nas súas actuacións.

Dúas nanas dedicadas a dous sobriños e outro tema ás súas avoas, ademais de cancións de temas de actualidade, mestúranse con outros dous con letra de dous poetas. "Sacúdeme un blues’ ten letra dun poema de Marta Pedrosa e ‘Si fuera’ é dun poeta de Ribeira, Santi Páramo, que llo escribiu á súa muller e pediume que lle puxera música para regalarllo. A letra é preciosa e falei con el para incluílo no disco", di Cris Román.

Pero a mellor historia está nos temas cos que se abre e pecha este traballo: ‘Cansada’ e ‘Cansada, 15 años después’. "O primeiro fala do meu fracaso amoroso aos 15 anos, un drama na adolescencia, (ri) e o segundo é un bonus track, unha canción que fixen a partir da primeira, cambiándolle a letra para cantarlla como sorpresa na voda ao meu marido", recorda.

Pero a sorpresa "maiúscula" levouna ela. "Ao rematar eu, puxo un vídeo de Arturo Vaquero —ao que coñecía dunha etapa anterior cando formou parte do grupo Areavasta—, no que nos daba a noraboa e explicaba que o meu marido me regalaba a gravación no seu estudio e cunha banda dun disco", explica sobre o nacemento de ‘A cuentagotas’, un traballo de 14 temas que viu a luz o pasado mes de abril. A acollida está sendo moi boa, xa que se esgotou a primeira tirada de 500 CD’s e vai pola segunda, a cal vende en concertos ou por Amazon.

Por todo isto, invita os vilalbeses a que a acompañen este venres e "non perdan a oportunidade de ver un concerto en directo, coa emoción que hai e a interacción que pretendo co público. Esa conexión que se dá é moi bonita".

Comentarios