Música de ferramentas e ambiente de carros no Concello de Chantada

O mercado gandeiro fai este mes de fábrica para o Folión, que constitúe un dos eventos principais das festas patronais
Un grupo de xente traballando nun dos carros que participará no Folión
photo_camera Un grupo de xente traballando nun dos carros que participará no Folión

O mercado gandeiro de Chantada pode compararse coa banda sonora dunha película. En función da escena, soa un tipo de música diferente.

O día 5 e o 21 de cada mes, os ruidos teñen que ver co gando que se expón no recinto. A finais de outubro ou comezos de novembro, á beira do Asma os protagonistas son os instrumentos dos grupos que compoñen o cartel do Castañazo Rock. Só unha vez ao ano, pero especial. E ao longo de todo este mes, achegarse ata o lugar significa escoitar serras, martelos e todo tipo de ferramentas que serven para que o sábado das festas chantadesas, ben entrada a noite, o Folión de carros brille con luz propia.


Manuel Vázquez Regal comenta que a intención do colectivo é asegurar a máxima puntualidade posible. O inicio do Folión está pensado para as 23.00 horas


Once grupos de persoas traballan estes días no mercado gandeiro na construción dos carros que formarán parte do evento. Neles vanse representar o vindeiro día 27 diferentes situacións cotiás e pasadas desta zona da Galicia rural. Romerías, o traballo nas ribeiras e no campo, a vida nas aldeas ou os oficios tradicionais reviven en pleno século XXI.

Para todo iso é necesario o esforzo dos participantes ao longo do verán. O novo presidente da Asociación de Amigos do Folión, Manuel Vázquez Regal, afirma que hai xente construíndo carros "desde o día 1 de xullo". Ás 20.30 horas é cando se adoita xuntar un maior número de traballadores. Moitos están no mercado gandeiro ata as 23.30, pero algúns deles non marchan ata a madrugada. Ceas nas estruturas de madeira feitas sobre as plataformas e cesión de material de construción entre os diferentes grupos son moi habituais ao longo do proceso e pensando no futuro percorrido polas rúas do centro de Chantada.

NOVIDADES. A directiva do colectivo encargado de organizar o Folión mudou este ano e con ela entraron novidades dispostas a mellorar unha das tradición máis características do lugar.

O troco principal atópase no propio percorrido. Anteriormente, os carros saían desde a avenida de Ourense, subían ata a Praza de Santa Ana, baixaban polo primeiro tramo da Rúa Xoán XXIII e remataban na avenida de Monforte. Desta volta, non se subirá á Praza de Santa Ana. Os carros desprazaránse só pola Avenida de Ourense ata a de Monforte. Os puntos de saída e de chegada serán os mesmos. As grandes beneficiadas deste novo camiño, segundo Manuel Vázquez Regal, serán as vacas, motor dos carros.


Nestes intres, no mercado gandeiro trabállase en dez plataformas e un carro do país


"Os animais son parte indispensable do Folión, así que hai que facerlles esta homenaxe", comenta o presidente da asociación. Nos últimos tempos, algúns grupos animalistas criticaron este evento polo mal estado no que remataban algunhas vacas por mor do enorme esforzo que supón tirar das plataformas. Outro dos obxectivos desta medida é que a xente non teña que baixarse a empurrar para avanzar. Deste xeito, pode facerse un maior número de actividades enriba e no interior das estruturas.

Manuel Vázquez Regal tamén comenta que a intención do colectivo é asegurar a máxima puntualidade posible. O inicio do Folión está pensado para as 23.00 horas. Pero non haberá que esperar ata tan tarde para gozar do bo ambiente que se vive en Chantada nunha data tan sinalada. Pola tarde está prevista a celebración dunha foliada e desde hai varios anos motívase a que tódalas persoas de Chantada, participen ou non no Folión, se vistan de carroceiros. Isto quere dicir que os homes leven posta unha boina, un chaleco e unha camisa e as mulleres un pano na cabeza, un mandil, unha camisa e unha saia. Un curioso xeito de viaxar ao pasado en Chantada sen necesidade dunha máquina do tempo.

OS CARROS. Nestes intres, no mercado gandeiro trabállase en dez plataformas e un carro do país. Aínda poden ser máis, xa que o prazo de inscrición permanece aberto ao peche desta edición. As normas da asociación prohiben que se represente o mesmo tema en dous carros distintos. Amigos do Folión cede a madeira aos construtores.

Mercar carros do país para que sexan propiedade do colectivo presidido por Manuel Vázquez Regal ou desenvolver sesións de olería tradicional o mesmo día do Folión forman parte do libro de proxectos futuros dos novos organizadores, que entregarán unhas placas artesás como premio aos participantes desta edición.

Polo momento, é tempo para a imaxinación e para dar forma as ideas. Un traballo que dará froitos durante o percorrido do Folión na noite do sábado 27. Para moitos, as festas non comezan ata que os carroceiros invaden Chantada.

Comentarios