Música al público menudo

Alumnos e profesores do conservatorio Mestre Ibáñez de Monforte ofreceron un concerto didáctico aos escolares da cidade do Cabe
Escolares que acudiron ao concerto didáctico ofrecido por alumnos do conservatorio Mestre Ibáñez en Monforte.
photo_camera Escolares que acudiron ao concerto didáctico ofrecido por alumnos do conservatorio Mestre Ibáñez en Monforte.

«Achegar a música aos cativos é o obxectivo deste concerto didáctico que facemos cada ano en Monforte», explica o director do conservatorio Mestre Ibáñez, Fernando Sanmartino Pérez, en ferencia á actuación que tivo lugar no auditorio do edificio multiusos da cidade do Cabe, na que o público miúdo puido gozar das melodías a poucos metros dos músicos xa que estiveron no piso, moi próximos aos instrumentos. «Os nenos están no chan para que o evento sexa máis cercano e haxa maior contacto e posibilidade de interactuar», apunta o director.

«A finalidade é que os escolares dos centros de ensinanza monfortinos coñezan os instrumentos de preto e tamén os diversos tipos de música cos que se traballa no conservatorio, xa que no concerto soou música clásica e tamén moderna», conta o director e profesor do centro.

Os encargados de ofrecer o concerto foron tanto alumnos coma mestres do conservatorio. Estas actuacións, ademais de para achegar a música ao público máis pequeno da cidade do Cabe serven tamén para que os novos músicos, que estudan no conservatorio, amosen o que aprenderon durante a súa formación.

A xornada de concertos didácticos dividiuse en dúas sesións e deste modo houbo música pola mañá e pola tarde. En total asistiron á xornada 320 cativos dos centros Ferroviario, Torre de Lemos, colexio Novo e Gándara. O auditorio estaba composto por pequenos do último curso de educación infantil e ata terceiro de primaria.

Estudar música no conservatorio Mestre Ibáñez da cidade do Cabe é posible dende o ano 2000. Na actualidade o centro conta con 128 alumnos nas diversas especialidades que presenta dentro da súa oferta educativa.

Ademais dos concertos didáctivos anuais, dende o conservatorio levan a cabo outras actividades. Algunhas das citas fixas son o concerto de Nadal, a sesión de conservatorio na rúa e os festivais de fin de curso.

A finais do vindeiro mes, as músicas do conservatorio invadirán as rúas da zona vella de Monforte. «Repartirémonos por familias de instrumentos en diversos puntos da zona peatonal e logo para finalizar a xornada daremos un concerto conxunto», explica Sanmartino.

Tamén para as próximas semanas terá lugar o festival de fin de curso do conservatorio. «E este ano, ademais haberá festival de fin de curso de danza», di o director. Amosarán danza clásica, moderna, de salón e tamén tradicional.

No vindeiro mes, os músicos sairán á rúa con concertos ao aire libre e tamén celebrarán os festivais de fin de curso

Comentarios