sábado. 12.06.2021 |
El tiempo
sábado. 12.06.2021
El tiempo

Muras rendeuse á sabedoría da "mestra con maiúsculas", Antía Cal

Antía Cal escoitando as verbas que lle dedicaron os nenos de Muras
Antía Cal escoitando as verbas que lle dedicaron os nenos de Muras
Decenas de veciños homenaxearon a súa nova Filla Adoptiva. A xornada xirou en torno á educación e á cultura galega

"Afeita a levar couces na vida, para min é unha honra recibir esta homenaxe, e máis sendo en Muras". Con estas verbas, e aos pés do colexio que dende este sábado leva o seu nome, a pedagoga Antía Cal quixo agradecer as mostrar de agarimo dos seus veciños, familiares e amigos, que decidiron estar preto dela nunha xornada na que lle renderon un tributo "merecido e de xustiza a unha mestra con maiúsculas".

Este recoñecemento naceu grazas ao traballo do actual equipo de goberno "e a petición popular", tal e como salientou a edil Belén Chao, que emocionada recordou "que o rural galego existe e esta escola de Muras é hoxe proba desa vitalidad".

Os oito pequenos que cursan estudos neste centro e que participaron recentemente na gravación do documental ‘Tita’, que fai un repaso pola historia desta muller pioneira, quixeron tamén transmitir unhas verbas á homenaxeada. "Non te coñeciamos de nada pero tratáchesnos coma se foses da nosa familia. Foi un domingo moi especial no mesón. Contáchesnos moitas historias graciosas e fuches amable, doce e divertida con nós", foron recitando un a un os pequenos, que remataron dicíndolle: "Fuches valente e atrevida, por iso o noso colexio vai levar o teu nome".

Antía Cal, Filla Adoptiva de Muras, non puido evitar entón emocionarse, un sentimento que se foi transmitindo entre todos os presentes, que despois do descubrimento da praca trasladáronse ao local social, onde continuaron os actos en torno á figura dunha muller comprometida coa educación e coa cultura galega.

Alí, celebrouse unha táboa redonda na que participaron Aurora Marco, Antón Costa Rico, Genoveva Guerreiro e María Luz Guerreiro, ademais de Alba García Pico, do Observatorio da Mariña pola Igualdade, que presentou unha guía didáctica sobre a figura de Antía Cal.

Durante esta parte da homenaxe, o rexedor, Manuel Requeijo, leu unhas verbas póstumas de Xosé Neira Vilas nas que destacaba a xenerosidade e sensibilidade "dunha educadora integral que sempre amou a Galiza".

Precisamente a educación e a cultura foron os temas centrais do acto, aínda que tamén houbo un oco para as anécdotas, contadas pola propia homenaxeada, que fixeron sacar máis dun sorriso.

Mini e Meno puxeron a nota musical ao evento, cuxo peche chegou cun xantar de irmandade no Viveiró, no que os veciños arrouparon a Tita do Mesón.

O Observatorio da Mariña pola Igualdade presentou unha guía didáctica sobre a figura desta destacada e pioneira pedagoga

Muras rendeuse á sabedoría da "mestra con maiúsculas", Antía Cal
Comentarios