Multiaventura en terras chairegas

CHA0908P4F1.JPG
photo_camera CHA0908P4F1.JPG

Fai un ano José Rielo, o responsable da Taberna O Cruceiro da Pastoriza, detectou un nicho de negocio na comarca chairega e tentou cubrilo: «Hai moitos establecementos de turismo rural, pero había unha carencia de actividades, sen empresas que as organizasen», explica.

Así, tirouse a aventura, nunca mellor dito, e montou un campo de paintball, ó que lle sumou o tiro con arco e a posibilidade de facer rutas en BTT. «Comezamos con pouco tempo, xa en agosto, pero funcionou moi ben, sobre todo o tiro con arco e o paintball».

A positiva experiencia do verán pasado levou a dar un paso máis, estableceu contacto con Kike Docampo, de Lourenzá, quen sumou os kayaks á oferta de actividades de cara a este verán. Ademais, Rielo estableceu contacto cos principais establecemento hoteleiros da zona, coma o balneario de Guitiriz, o spa de Santaballa ou o Parador de Vilalba, unha conexión que xa deu os seus froitos.

«A nosa proposta tivo boa acollida porque a oferta de actividades era unha carencia que eles tamén detectaban», explica o responsable da Taberna O Cruceiro, quen engade que, por exemplo, o spa deseñou uns paquetes que combinan a estadía no hotel con actividades organizadas por eles.

Outro punto que lle engade atractivo á oferta son os lugares nos que se desenvolven as actividades. As rutas en BTT poden facerse combinando a Ruta do Azúmara e da Escrita de Castro de Rei ou outras en Guitiriz. No tocante os kayaks, os percorridos habituais son do San Alberte de Guitiriz ata Baamonde, polo Parga; no Miño, entre Rábade e Outeiro de Rei; ou no Masma.

O tiro con arco pode facerse en calquera escenario, dependendo de se se xunta con outras actividades, e para o paintball teñen un campo propio, aínda que tamén se poden desprazar.

No tocante os prezos, varían dos 5 euros que custa por persoa practicar un xogo tradicional coma a rá, a chave ou os bolos celtas, ata os 45 da ruta con kayak e BTT.

Comentarios