Mulleres, homes e viceversa

título deste artigo soábame a algo, así que mirei en Google e, efectivamente, trátase do nome dun programa televisivo que, por se non o saben, consiste no seguinte: Chega ao estudio un rapaz guapo e de boas maneiras ao que sentan nun trono. Despois vanlle presentando candidatas coas que se citará para se coñeceren. Terá a facultade de expulsar as que non lle gusten e manter na reserva as que vexa con posibilidades de gañar o seu amor. Supoño que, facendo verdadeiro o nome, outras veces serán elas quen senten no trono e elixan. Mais non é a isto ao que me quero referir, aínda que eses namoros retransmitidos en directo darían para opinar sobre moitas cousas emparentadas coas miñas reflexións de hoxe.

A Real Academia da Lingua Española acaba de aprobar un informe de Ignacio Bosque moi crítico coas directrices que marcan certas universidades , autonomías e sindicatos nas súas guías de linguaxe non sexista porque, segundo afirma o académico, se se aplicasen ao pé da letra non se podería falar. Eu estou de acordo, mais só en parte.

É certo que a comunicación se retardaría e mesmo se faría insufríbel con propostas coma esta: «Señores e señoras, nenos e nenas, moi boas tardes a todos e todas. Estou moi orgullosa de estar nesta festa, a dos labregos e labregas...». Porén, non me negarán que, por moito que o masculino designase desde sempre ambos sexos, choca coa sensibilidade de hoxe a exclusión sistemática do xénero feminino. Nisto, como na maioría das cousas, a virtude está no medio.

En todo caso, Ignacio Bosque recoñece o loábel da intención, mais lamenta que na elaboración destas guías non participase ningún lingüista. Pois non sería mala idea, sempre que se tratase de lingüistas que estivesen polo labor, porque negar que a lingua vén sendo tradicionalmente cómplice da discriminación das mulleres é negar a premisa maior, o que impediría chegar a conclusión ningunha. Ora ben, o descoñecemento da lingua dá como resultado solucións esperpénticas, como a de ‘miembras’, que só un trasno do humor lle puido inspirar a unha ministra que xa non o é. Pola mesma regra de tres, cando o que vai en bicicleta ou toca o piano é un home, habería que dicir ciclisto ou pianisto. Algunha coñezo que para se mostrar máis feminista ca ninguén escribe en galego ‘testiga’, cando a forma correcta é testemuña, común para o masculino e feminino.

Os exemplos poderían ser moitos, mais non é o caso, porque o problema non radica tanto nos morfemas de xénero como no uso de determinadas palabras ou expresións. Que os xenitais femininos teñan connotacións negativas (‘coñazo’) fronte ás positivas dos masculinos (‘cojonudo’), é só unha pequena mostra disto. Así que queda moita tarefa e, desde logo, os académicos non se deberían conformar coa censura do traballo que eles non fixeron

Comentarios