‘Muller pra lonxe’ recoge la ''delicada'' poesía de amor de Uxío Novoneyra

Isidro Novo, Uxío Novo, Mario Outeiro, Luis Cochón e Rodríguez Fer, onte no acto (Fotos: Sebas Senande)
photo_camera Isidro Novo, Uxío Novo, Mario Outeiro, Luis Cochón e Rodríguez Fer, onte no acto (Fotos: Sebas Senande)

O salón de actos da Deputación de Lugo acolleu onte a presentación da reedición de ‘Muller pra lonxe’, obra que recolle a poesía amorosa de Uxío Novoneyra entre os anos 1955 e 1985. A nova edición do poemario, que inclúe un prólogo de Luis Cochón, ilustracións de Carlos Pardo Teixeiro e un epílogo de Claudio Rodríguez Fer, trata de ser, en palabras do delegado de Cultura Mario Outeiro, «delicada como a propia poesía de amor» do escritor do Courel.

Asistiron tamén ó acto varios familiares do poeta do Courel, entre os que se atopaban a súa viúva Elba Rei e o seu fillo Uxío. O escritor lugués Isidro Novo foi o encargado de recitar algúns dos poemas que forman parte da recopilación.

O poemario, que agrupa 20 composicións e viu a luz por primeira vez en 1986, naceu, segundo afirmou Cochón, «da vontade irreplicable do autor, un poeta grande e delicado coma unha fábula».

Cochón destacou que ‘Muller pra lonxe’ «comezou sendo un verso, logo un título, e finalmente convertiuse nesa fatalidade substantiva que os gregos chamaron ‘ananké’: o lazo de sangue, o destino inevitable. Aquilo que os amantes tatúan ben fondo», engadiu.

Claudio Rodríguez Fer quixo salientar, pola súa parte, que o poemario non só recolle poesía de temática erótica e amorosa, senón que «tamén fala da paisaxe, da dor existencial, do clamor cívico e da protesta, xa que Uxío Novoneyra era un poeta da totalidade».

O sexo —«esbaras, axustas coma un broche», di o ‘Canto para ter favores de Venus’— ou as celebracións e lamentos do amor non son pois as únicas temáticas dun libro que o «contén todo, xa que non hai poesía do amor distinta da dor ou do clamor», expuxo o epiloguista.

Para Rodríguez Fer, ‘Muller pra lonxe’ da constancia da existencia dun home que coñeceu de neno, e «que viviu en base a unha razón poética e que amou pero non se apartou da realidade, xa que o amor non evade, senón que precisamente fai percibir as cousas con máis sentido».

O poeta subliñou ademais que a obra ten «unha clara evolución anímica e xestual, que vai da depresión ó vitalismo e do encollemento lírico á liberación».

Rodríguez Fer fixo fincapé en que os primeiros poemas, cun cariz máis desencantado respecto do amor e da existencia —«amiga, non temos nada que non se perda facilmente», lamenta Novoneyra nun poema de 1958— dan paso a unha actitude máis relaxada ante a vida e tamén a unha expresión menos tensa «na que flúen as aliteracións ou os simbolismos».

«O amor arreda ó poeta e arrédanos a todos da dor», concluíu Rodríguez Fer.

Comentarios