Muimenta loita contra o cancro

A asociación Acapa Show promoveu un festival solidario para recadar fondos para a Aecc, no que se recolleron preto de 900 euros en doazóns, ao que se suman os ingresos pola venda de material promocional e a alta de socios e de voluntarios
Participantes no festival
photo_camera Participantes no festival

Cando a ocasión o merece, os veciños de Muimenta e da volta saben como responder a unha chamada altruísta, da mesma maneira que a asociación Acapa Show sabe como crear un entretido espectáculo sen perder de vista o obxectivo: a solidariedade. Con estes dous ingredientes combinados non é de estrañar que a casa da cultura Manuel Gesto Varela quedase pequena ante a expectación xerada polo festival a prol da Asociación Española de Loita Contra o Cancro (Aecc).

«É un tema que nos afecta persoalmente e quixemos facer algo contando cos veciños dos arredores dándolle forma a unha tarde amena e agradable», explican dende Acapa Show, os anfitrións encargados de pechar un espectáculo de entrada gratuíta que logrou xuntar, só coas doazóns do público, un total 890,50 euros, ao que se suman os ingresos polo merchandising vendido -principalmente paraugas e lazos- e as altas de socios e de voluntarios.

Os promotores deste gran evento, que contou co apoio do Concello de Cospeito, amosaron tamén o seu agradecemento a todos os que atenderon o seu chamado -agasalláronos cunhas táboas doadas por Anxo Lamas- e compartiron cartel e escenario con eles, sabedores de que a causa o merecía.

As pandereteiras da Anpa de Muimenta, o grupo de teatro de Moncelos e o mago Óscar Bello colaboraron no evento

As encargadas de estrear a velada foron as pandeireteiras da Anpa de Muimenta, un grupo de 13 intérpretes con idades dos tres aos doce anos, que animaron ao público con xotas, muiñeiras e abaneados. «É un placer que nos invitasen e poder colaborar cunha causa importante, ademais de que aos nenos failles moita ilusión amosar o que fan», explican desde Anpa.

Os ritmos tradicionais deron paso á gargallada grazas á posta en escena de ‘Os males de aldea’, obra de autoría propia do grupo de teatro de Moncelos, interpretada por un elenco que vai dos oito aos 82 anos. «Somos un grupo amateur, pero para participar en algo así sempre estamos dispostos, porque é unha iniciativa importante», indica a coordinadora do grupo, Pilar Villamel.

«Gústame colaborar con este tipo de iniciativas e con Acapa Show teño un vínculo moi forte. Ademais, creo que fan un traballo espectacular», precisa o encargado de sorprender e encandilar ao público co espectáculo ‘Orixe dos soños’, o mago Óscar Bello.

Cun número conxunto final clausurábase este gran festival solidario, que se abría coas palabras da presidenta provincial da Aecc, Mari Luz Abella: «É de agradecer, porque os que estamos traballando na asociaciación sentímonos moi reconfortados ao ver esta resposta», indicou, ao tempo que destacou as liñas de actuación da entidade, que traballa acompañando os enfermos e as familias, potenciando a prevención e financiando investigacións.

Comentarios