Muimenta con la gastronomía

Mostra das tapas participantes (EP)
photo_camera Mostra das tapas participantes (EP)

Sabores doces, salgados, con aromas que transportan ao mar ou á terra. Propostas tradicionais e outras máis innovadoras e vangardistas. Todo vale se o que se pretende é mobilizar á veciñanza e promocionar a hostalaría local. Deste xeito e non doutro será como Muimenta se converta unha vez máis no epicentro gastronómico da comarca chairega -dende este xoves día 4 ata o domingo 7- coa celebración da súa décima edición do xa tradicional concurso de tapas, artellado pola asociación de empresarios da vila, que engloba a gandeiros, profesionais e autónomos.

O’Abuelo, Alvariño, Anllo, Burbujas, O’Cabuxo, a Taberna do Cruña e Casa Latino serán os establecementos participantes, nunha cita que conseguiu despachar na súa última edición o pasado mes de agosto un total de 5.869 tapas, en apenas seis días e que vai incrementando pasiño a pasiño o seu éxito. O horario do certame gastronómico, que arrincará este mesmo xoves, será idéntico ao de anos anteriores. Así, os clientes poderán degustar estas novas sete propostas doutros tantos establecementos participantes de 19.00 a 23.00 horas, sendo o prezo único de cada ración de 1,50 euros.

Neste certame, e como xa marca a tradición, serán premiados dous locais. Un recibirá o galardón como a tapa máis votada polo público, mentres que o outro o decidirá un xurado profesional, composto nun 50% por hostaleiros locais e no outro 50 por membros da xunta directiva da asociación de empresarios de Muimenta.

O público que se anime a catar e degustar un mínimo de seis propostas -a organización reserva a opción de utilizar o coñecido como ‘comodín’, que concede a posibilidade de optar ao gran premio do rosco da ruta sen acudir a un dos locais participantes- optará a un total de 600 euros en premios.

Haberá tres vales de desconto cun valor de 100 euros cada un para os que consuman algunas das tapas, que serán canxeables nos negocios que pertencen aos socios do colectivo empresarial de Muimenta. E, a maiores, entregarase outro cheque por valor de 300 euros a un dos clientes que alcance a completar toda a ruta durante as catro xornadas nas que se prolongará o concurso gastronómico.

MICROBÚS
Como en edicións anteriores do certame, tamén haberá un microbús que percorrerá cada media hora a localidade, a partir das 19.00 horas, para facilitar os desprazamentos entre os locais participantes e así evitar que os clientes teñan que usar o seu vehículo particular para ir dun a outro.

A Asociación de Empresarios de Muimenta é a promotora dunha edición máis deste popular certame gastronómico, que conta coa colaboración da Deputación provincial de Lugo e da empresa Autocares Darriba.

A organización repartirá un total de 600 euros en premios entre os clientes e valorará as dúas mellores tapas presentadas

Haberá un microbús que percorrerá a vila cada media hora, para facilitar o desprazamento dos clientes entre os locais.

AS TAPAS
Cruña
Delicias de ibérico
‘Delicias de ibérico ao xeito do taberneiro’ é a proposta da Taberna do Cruña. Esta ración consta de solombo ibérico de porco, verduras, pasta filo, salsa a base de pementa e pan do muíño da Acea como acompañamento.

Burbujas Pementos recheos
O bar pub Burbujas repite experiencia no certame gastronómico, esta vez cuns pementos recheos de carne de porco e polo, aliñado con allo, cebola, pementa negra e como guarnición patacas fritas e queixo.

Alvariño Salgado e doce
‘Salgado e doce’ é a elección do bar Alvariño para o certame, un prato a base de cocido con grelos, garabanzos, lacón e chourizo acompañado dun puré de patacas. E para rematar, un flan caseiro de postre.

O‘Cabuxo Muffin salgado
O asador O’Cabuxo, ubicado no polígono industrial de Muimenta, optou nesta ocasión por un muffin salgado de xamón e queixo recheo de crema de marisco e acompañado, nunha pequena taciña, de caviar de café.

Abuelo Solombo do chef Saavedra
O’Abuelo propón para esta décima edición do certame de Muimenta unha tapa a base de solombo de animal de landra con champiñóns, verdura e nata, acompañado dunha saborosa filloa de mel.

Anllo Borrito
Torta de trigo rechea de carne, pementos, cebola, jalapeño e chile gratinado con alioli é a elección do restaurante Anllo, un prato que terá como acompañamento plátano frito, chocolate e vinagre de módena.

Latino Montadito Papá Noel
Casa Latino ofreceralles aos seus clientes unha máis que suxerente tapa acorde coas datas de Nadal. O ‘Montadito Papá Noel’ non é máis que unha tosta de pan con peituga de polo e lomo, acompañada dun ovo duro e salsa rosa.

Comentarios