Mudanza

OS EXAMES de Selectividade que comezan en Galicia o próximo mércores teñen a particularidade de celebrarse despois do anuncio da súa defunción. O señor Wert debe ter bos motivos para tomar a decisión de acabar cunhas probas que teñen case corenta anos e que aguantaron varios marcos educativos, por non mencionar os innumerables ministros e ministras que teñen pasado nese tempo pola sé da Rúa Alcalá de Madrid. Ben é certo que cando comezou a Selectividade houbo unha forte oposición por parte dos estudantes, pero co paso do tempo case todo os implicados no eido educativo acabaron por recoñecer a súa utilidade. Por unha parte, é un exame que fai de nivelador entre centros de diversa orixe xeográfica e social, públicos e privados, garantindo un mínimo de esixencia para todos ao tempo que evita desaxustes nos baremos que se utilizan nas avaliacións. Loxicamente, as notas obtidas son o referente para acceder á universidade, e para seleccionar candidatos cando hai menos prazas que solicitudes. Estes dous procesos virán a desdobrarse, segundo os plans do goberno, sen ter en conta os problemas que xurdirán a cambio de nada, porque non se prevé ningún beneficio educativo coa mudanza. Hai que ter en conta que a actual Selectividade é unha proba de carácter nacional que esixe un gran dispositivo humano para poñela en marcha; basta lembrar que só en Galicia haberá que procesar preto de cen mil exames nesta convocatoria de xuño, o que require un verdadeiro exército de profesores que deseñan, vixían e corrixen as probas. Unha vez que o alumno as supera xa é quen de solicitar praza en calquera universidade e facultade do país, tendo garantido un posto en aquela que se axuste á cualificación obtida. Co invento do ministro Wert a cousa é máis complexa porque despois da reválida o alumno dependerá da normativa que cada centro universitario estableza para o acceso; nin que dicir ten que se implantan probas específicas o alumno só poderá concorrer a un número limitado delas, podendo darse o caso de que acabe non atopando praza en ningunha, mentres quedan vacantes noutras que tamén lle podían interesar. Este é o modelo imperante actualmente en Inglaterra, albo de todas as críticas, por complexo (teñen uns dez organismos distintos que interveñen nos exames) e por ter que limitar en exceso a posibilidade de escolla dunha carreira, algo que non quereríamos aquí. Por iso, faría ben o ministerio en deixar as cousas como están. Pero no actual goberno hai quen gusta de cambiar o que funciona e ignorar o que vai mal. Nisto Wert non está so; non si, Gallardón?

Comentarios