Mouriño destaca as opcións para xerar riqueza dos produtos do outono

No pregón do Gastroutono de Monterroso, apuntou pautas para aproveitar o que dá a terra
Visita ás instalacións da empresa Alibós, dedicada ás castañas
photo_camera Visita ás instalacións da empresa Alibós, dedicada ás castañas

O Gastroutono, xornadas dedicadas á castaña en Monterroso, pechou este domingo a súa primeira edición co pregón de José Mouriño, quen fixo un chamamento a desestacionalizar o consumo de produtos autóctonos para "xerar riqueza a partir do que nos dá a terra".

Mouriño considera que algúns produtos como a castaña, os cogomelos, as mazás ou mesmo as patacas teñen moito potencial por explotar e "poderían ser unha alternativa ou un complemento á produción do leite, da carne ou do viño".

O pregoeiro aposta por desestacionalizar o consumo o máximo posible porque "produtos como a castaña ofrecen moitas máis posibilidades que un simple magosto". Neste sentido, pediu aos produtores apertura de miras para "sacar da terra o máximo posible, porque nós non temos petróleo", pero tamén fixo un chamamento aos restauradores, para que se impliquen coa difusión dos produtos autóctonos durante todo o ano, e ás industrias, para que se sirvan da gastronomía tradicional para propoñer novas opcións aos consumidores.

O obxectivo, apuntou Mouriño, é "xerar riqueza, e para iso ten que haber un dinamismo social que fomente o consumo dos produtos e que atraia xente a través da gastronomía". Como exemplo, preguntouse "por que non podemos ter un gran magosto como a festa do marisco do Grove que nos axude a mostrar o impresionante que é esta terra no outono?".

Nesta estratexia de dinamización económica do medio rural, Mouriño considera fundamental o coidado do medio. "Temos que aproveitar a gastronomía para atraer turismo, pero para iso tamén temos que coidar os bosques e ordenar os cultivos, que non o estamos facendo", advertiu.

En opinión de Mouriño, as súas propostas "son executables, só hai que pensar e actuar con realismo. Podemos limitarnos a desfrutar das cores tan bonitas do outono, pero da poesía non se vive". Valorou, neste sentido, iniciativas como o Gastroutono de Monterroso, que celebrou a súa primeira edición coa intención de chamar a atención sobre os produtos autóctonos e o seu potencial gastronómico e turístico.

Comentarios