A mostra 'Homes e bestas' rende homenaxe ao cabalo en Mondoñedo

A exposición, dos fotógrafos José María Álvez e Sergio López, poderá verse este mes de outubro no centro comarcal
José María Álvez (esquerda) e Julio López
photo_camera José María Álvez (esquerda) e Julio López

Despois de anos recopilando fotografías da rapa das bestas de Mondoñedo e das San Lucas, o fotógrafo de El Progreso, José María Álvez Marciel, inaugura este sábado, ás oito da tarde, no centro comarcal de Mondoñedo a mostra ‘Homes e bestas’.

Neste proxecto, non está só xa que conta coa colaboración de Julio López, fillo do fotógrafo burelés Sergio López, do que tamén se recollen fotografías na mostra. «Coincidía con Sergio en moitas rapas dende que traballo na comarca e sempre me dicía que tiñamos que facer xuntos unha exposición e, aínda que el xa non está con nós quixen contar con fotos súas para sacar adiante este proxecto», explica Álvez Marciel.

En total, son 39 instantáneas (30 de Álvez e 9 de López) dos anos setenta e dende o 1998 ata a actualidade, feitas en branco e negro en 50x70 e sobre un lenzo resistente á agua. Nelas pódense ver imaxes da rapa de Campo do Oso, así como a feira cabalar das San Lucas e a baixada dos cabalos para esta feira, un dos espectáculos máis esperados cada ano. Esta mostra será, dalgún xeito, o primeiro dos actos das feiras das San Lucas e a asociación organizadora desta cita colabora coa súa posta en marcha. «O cabalo ten moita presenza nestas feiras e pensamos que esta exposición era una xeito bonito de renderlle unha homenaxe», explica Miguel García.

Neste senso, García apunta a que a rapa de Mondoñedo celebrou este ano a súa 40 edición e que esta mostra é un xeito de celebrar tanto esta efeméride, como a dos 860 anos de celebración en Mondoñedo das feiras máis antigas de Galicia. «Tamén será un xeito de reunir na inauguración aos gandeiros que se ocupan de baixar os cabalos para a feira e que son os mesmos que participan na rapa», engadiu.

Unha vez rematado outubro, a idea é facer que a exposición recorra distintos lugares da comarca da Mariña e incluso outros puntos da provincia para voltar en xuño a Mondoñedo. «O fin da mostra será a suá exposición no curro de Campo do Oso, na celebración da rapa do vindeiro ano», confirmou Álvez.

Comentarios