A Mostra de Viveiro volverá reunir a miles de persoas arredor do folclore

A cita organizada pola asociación Bágoas da Terra inclúe un desfile e unha exposición
Bágoas da Terra inaugurou este luns a exposición fotográfica que complementará o resto de actividades
photo_camera Bágoas da Terra inaugurou este luns a exposición fotográfica que complementará o resto de actividades

A Mostra Folclórica Internacional de Viveiro cumple este ano un total de 38 cursos enchendo os veráns de Viveiro de música e danza folk. O festival, organizado pola asociación Bágoas da Terra, acolleu nos seus escenarios a agrupaciones procedentes dos máis variados rincóns do mundo. Todas estas actividades, que cada ano logran atraer miles de visitantes, son de entrada totalmente gratuita.

Este ano a cita comezou xa o luns pola tarde coa inauguración dunha exposición fotográfica sobre a indumentaria tradicional canaria. Poderá ser visitada desde o 1 ata o 8 de agosto nos baixos da biblioteca municipal en horario de doce da mañá a unha e media da tarde e de seis a oito da tarde.


Grupos procedentes de Serbia, Bolivia, Portugal, México ou Arxentina visitarán a cidade esta próxima fin de semana


Os días grandes do festival comezarán máis adiante, o próximo xoves ás doce do mediodía, con audicións musicais a cargo do grupo de danza infantil eslovaco Raslavicanik, que recorrerá diferentes prazas e rúas da cidade. Este unirase aos grupos locais na súa actuación do día seguinte, programada para as oito e media da tarde. Farán acto de presenza no escenario agrupacións folclóricas de Xove, de Boiro, do Vicedo e a propia formación vivariense de Bágoas da Terra.

O sábado será o turno do grupo folk Bágoas da Terra, que ofrecerá un concerto na Praza Maior. Os asistentes poderán disfrutar deste recital a partir das dez e media da noite. Porén, o colofón final da Mostra será o domingo a partir das oito e media coa gala internacional. O evento acollerá nove bandas chegadas desde diferentes partes do mundo. "Virá a Rusga de São Vicente de Braga desde Portugal, o Ballet Simyonov de Serbia, o grupo mexicano Macuilxochitl de San Vicente Potosí, a formación sevillana de Dos Hermanas, a agrupación Santomera de Murcia, a Compañía Argentina de Arte Folclórico, o ballet folclórico Bafopaz desde Bolivia e, por suposto, Bágoas da Terra, de Viveiro", enumerou María del Carmen López, ‘Chipe’, presidenta da asociación organizadora.

Menos o desfile, todas as actuacións musicais terán lugar no escenario instalado na Praza Maior, onde hai aforo para "aproximadamente unhas 2.000 persoas". "Temos arredor de 1.500 cadeiras máis a que colla nas gradas. A iso hai que engadirlle toda a xente que está de pé vendo o espectáculo", declarou López.

Comentarios