Mosteiro lembrou o pasado cunha malla e unha mostra de oficios tradicionais

Mostras de artesanía en vivo (Foto: Xesús Ponte)
photo_camera Mostras de artesanía en vivo (Foto: Xesús Ponte)

A feira de artesanía de Mosteiro, en Ferreira de Pallares (Guntín), levou onte uns cantos anos atrás a quen a visitou. Cesteiros, oleiros, palilleiras e torneiros amosaron ó público o xeito dos traballos tradicionais e o bo facer de antano. A festa completouse cunha malla, na que participaron os veciños da parroquia, e cunha comida popular.

A cita de Mosteiro xa se pode catalogar de consolidada tras sete anos de celebración con gran éxito de público. Os seus organizadores, os membros da Asociación de Amigos de Mosteiro de Ferreira de Pallares, amosáronse onte moi satisfeitos polo resultado, que demostrou unha vez máis o interese da xente por que non se perdan os usos de antano.

Demostracións

A primeira hora da mañá, os artesáns xa empezaron a montar os seus postos e a xente comezou a chegar, atraída polas demostracións en vivo. Había cesteiros, palilleiras, un torneiro e oleiros, entre outros. Ó longo da mañá, o público seguiu a evolución dos traballos, que deixaron abraiado a máis de un.

Un dos postos que máis chamou a atención foi o dos oleiros de Bonxe, patrocinado polo Centro de Artesanía e Deseño, dependente da Deputación Provincial de Lugo, que quixo deste xeito apoiar a celebración da feira artesanal de Mosteiro.

Os organizadores do evento valoran a presencia dos diferentes artesáns e destacan a importancia da feira para poñer en valor o seu traballo e coidar que non se perda na comarca de Guntín o xeito tradicional de traballar en determinados sectores.

Encontro entre as aldeas

O presidente da asociación, Carlos Varela, valorou tamén a cita como lugar de encontro e motivo de unión entre as aldeas veciñas. Este achegamento tivo unha boa demostración na malla que se celebrou a media mañá. Os veciños de Ferreira de Pallares xuntaron folgos para separar o gran de trigo da palla, nun traballo en común que serviu para lembrar tempos pasados e anécdotas de xuventude de moitos dos participantes.

Tralo traballo, os malladores puideron repoñer forzas cunha degustación de filloas que os organizadores ofreceron de xeito gratuíto.

Outro dos momentos clave da xornada foi a intervención do pregoeiro desta edición, Eduardo Fernández, natural de Mosteiro e que traballa na Coruña como inspector de educación. Os seus veciños seguiron con interés as súas palabras, cheas de lembranzas.

Ó mediodía, unhas 160 persoas reuníronse nun xantar que se prolongou nunha animada sobremesa, con torneo de tute e discoteca.

SITUACIÓN

  • Bo ambiente nun enclave medieval. A feira de artesanía celébrase ó pé do mosteiro de Santa María de Ferreira de Pallares, un entorno inmellorable para volver á vista ós oficios do pasado. Esta construción data da época altomedieval, da segunda metade do século IX e está declarada ben de interese cultural (BIC). É unha das manifestacións arquitectónicas máis importantes do municipio de Guntín e de toda a comarca. Dende o ano 1589 ata mediados do século XX, o mosteiro foi un importante centro de peregrinación mariana para xente de toda a comarca e en torno a el creouse a confraría da Nosa Señora do Rosario, que chegou a acadar máis de 2.000 confrares.
  • Asociación. No ano 2003 creouse a Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, que dirixe Carlos Vázquez. Conta na actualidade con 170 socios. O obxectivo da agrupación é fomentar a actividade cultural e as manifestacións etnográficas, pero ten un especial interese por poñer en valor o mosteiro e o seu entorno, de aí que a feira se organice no seu entorno. A edición de onte foi a sétima e tralo éxito das precedentes pode considerarse que se trata dunha cita consolidada. Os organizadores valoran as posibilidades que ofrece de recordar vellos oficios e de achegalos ós emigrantes e ós seus fillos, que volven nestas datas.

Comentarios