Mortadelo e Filemón

p OUCOS TEMAS houbo tan produtivos para a ficción contemporánea como a espionaxe. Boa conta dan diso as tramas e os heroes que nos achegaron novelas, cómics, filmes e series de televisión. A moitas persoas acompañáronnos ao longo da infancia, e a algunhas, fieis ao xénero, na vida adulta. A quen tamén acompañaron espías e axentes secretos do celuloide, o papel ou o píxel, foron ao devir da historia, aos acontecementos que modularon o seu relato e aos grandes inimigos de cada época. O inimigo, malia aparecer case sempre caracterizado como un personaxe plano e previsíbel de máis, é tamén esencial en calquera ficción construída sobre un pano de fondo histórico ou político. Así de simples son ás veces os relatos que nos constrúen como colectividades, e así de simples tamén as liñas mestras da arte de contar.

Se de referentes primeiros falamos, en materia de espionaxe ou de algo que se lle parece, non podo deixar de confesar a miña adicción noutrora a unha das publicacións de banda deseñada máis populares do momento, Mortadelo y Filemón. Na súa versión paródica, aqueles Sherlock Holmes e doutor Watson caseiros ao servizo da axencia de información T.I.A. arruinaban calquera misión que lles fose encomendada. Alén dalgúns clixés de clase e de xénero, que escapaban a unha lectura infantil, as tiras que nos divertían cos malentendidos e torpezas dos dous axentes e a axuda científica do doutor Bacterio conformaban unha caste de imaxinario do disparate que chegou a callar na fraseoloxía popular nunha expresión, ‘cousas de Mortadelo e Filemón’, agarimosamente pexorativa.

As lembranzas entrañábeis, dos dous axentes secretos da T.I.A. veñen a miúdo á miña mente traídas por moitas das chambonadas coas que se resolven -e falo agora das T.I.A.s pagadas con diñeiro público- continxencias e conflitos cotiáns, e cadaquén poderá procurar de seguro os seus propios exemplos. Non obstante, e como é obvio, Mortadelo e Filemón visitan agora a miña memoria a raíz dos escándalos -unha palabra que, entre nós semella xa baleira de significado- provocados pola espionaxe dos Estados Unidos e os seus supostos cómplices. O cruzamento de acusacións e toda a información filtrada polos medios, que chega unha vez máis nun momento no que o europeísmo e outros ismos están a ser cuestionados, trae ao centro do escenario a vella ameaza da espionaxe. A democratización dos medios, nun tempo elitistas e agora, na era de internet, ao aparente alcance dunha boa parte da poboación, universaliza o temor e confirma as sospeitas acerca da desprotección á que están expostos os nosos datos. A este país de ladróns, por recuperar de novo unha imaxinería agradecida na ficción, só lle falta unha trama de espías de dimensión internacional. Mortadelo e Filemón.

Comentarios