Mortadela italiana

Fiquei prendado das imaxes do senado italiano, as da sesión na que Romano Prodi perdeu definitivamente os seus escasos apoios. Ese deputado da dereita cun xersei vermello ao lombo, berrando aldraxes,  brindando con champán, comendo mortadela... Si, claro, eran imaxes propia destas datas, propias do antroido. Esa é a lectura sinxela: botar unha risada á costa dos outros e logo esquecer. Eu estaba diante do televisor abraiado ante esa falta de pudor senatorial, unha feira na que se cumprían sen un pouso de vergoña todos os tópicos italianos, os peores. Imaxinei a escena importada ao noso congreso dos deputados e sentín pánico. Aquí tamén estamos en campaña electoral...

Romano Prodi esgotou o seu segundo mandato en menos de dous anos, outra triste marca para a inestábel esquerda italiana: do 17 de maio de 2006 ao 24 de xaneiro deste 2008. Dimitiu. Que outra cousa lle quedaba por facer tras dous anos de bloqueo ás súas iniciativas? Tras este novo fracaso, o seu herdeiro á fronte do Partido Democrático, Walter Vetroni, vai ter moi difícil renovar o goberno nas inminentes eleccións, forzadas pola dereita. Silvio Berlusconi está convencido de que pode gañar unha vez máis, situándose de novo á fronte do goberno trala súa fugaz experiencia de 1994-1995 (un goberno máis curto que este de Prodi) e tralo seu completo dominio entre 2001 e 2006.

O sistema político italiano ten a particularidade de permitir o acceso á cámara dos deputados a representantes de pequenos partidos, dificultando a formación de maiorías e fomentando a pluralidade. Esta última característica debería ser beneficiosa para o exercicio da democracia, ao dar voz teoricamente a máis sensibilidades políticas. O problema é que as coalicións gubernamentais non dan rematado as lexislaturas por mor da chantaxe á que se ven sometidas polos seus pequenos aliados. O intento de Napolitano de reformar a lei electoral para impedirlle o paso a estes partidos debería darlles unha voz de alarma.

Botando abaixo goberno tras goberno, o único que van conseguir é dilapidar o seu capital político, esgotar á súa galiña dos ovos d’ouro. A única posibilidade que lles queda antes de volatilizarse na batalla electoral é a de negociar mellor as súas alianzas sen forzar a chantaxe. O problema é que a clase política italiana, unha vez que acada un escano, esquece rápido os seus compromisos.

A encrucillada actual resolverase a partir de abril, o mes sinalado para a vindeira cita coas urnas. Os votantes xa nin se inmutan, afeitos a tanta antroidada. Vendo espectáculos como o da mortadela no senado un xa non sabe se o carácter disperso e paixonal dos italianos provoca estas situacións ou é consecuencia delas. Só hai unha cousa peor que os tópicos: ver como se cumpren.

Comentarios